O pasado 23 de maio, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo celebrou con gran emoción o seu acto de Graduación 2025, no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do campus de Ourense. Máis de 80 estudantes puxeron fin a unha etapa inesquecible, acompañados por familiares, amizades, profesorado e autoridades académicas e institucionais.
O evento estivo presidido polo Reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e contou coa presenza do Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.
Promocións graduadas: 49 estudantes da XV promoción do Grao en ADE, 15 estudantes da XIV promoción do Grao en Turismo, 17 estudantes da VII promoción da simultaneidade ADE-Dereito, 4 estudantes da IV promoción da simultaneidade Turismo-Xeografía e Historia, 5 estudantes da II promoción do Título Propio para o Emprego e Vida Autónoma e 4 estudantes da XIV promoción do Máster en Xestión Empresarial do Deporte
Padriños e madriñas das promocións: Mª Montserrat Cruz e Alejandra Seara (Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra) para Turismo e Turismo-Xeografía e Historia, Jesús Vázquez e Jorge Vázquez (Redegal) para ADE e ADE-Dereito e Vanessa Suárez para o Título Propio para o Emprego e Vida Autónoma
Durante o acto tamén se fixo un recoñecemento especial ás alumnas premiadas con galardóns extraordinarios no curso anterior, nun ambiente cheo de emoción, orgullo e ilusión polo futuro.
Desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo queremos agradecer a todas as persoas que fixeron posible este día tan especial: ao profesorado, ao persoal da facultade, ás familias e amizades, e sobre todo ao noso estudantado, verdadeiro motor da nosa comunidade universitaria.
📸 Galería de fotos do evento: Accede aquí
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este mércores a votación para elixir novo decano, xa que a ata a de agora responsable, Montserrat Cruz, esgotou os dous posibles mandatos á fronte do centro. Na votación da Xunta de Facultade, a candidatura presentada polo profesor Jesús Vázquez gañou por 29 votos, fronte aos 27 acadados polo outro candidato, Francisco Javier Sánchez, habendo ademais un voto en branco.
O novo decano é profesor titular desde o ano 2003 no Departamento de Organización de Empresas e Márketing. Ten ocupado diferentes cargos de xestión académica, como decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo entre 2006 e 2008 e secretario da escola que precedeu ao actual centro. É membro do grupo de investigación OC2 Organización e Comercialización. O equipo decanal de Jesús Vázquez estará formado por Trinidad Domínguez como secretaría e Mercedes Mareque, Elena Shakina e Manuel Mosquera como vicedecanos.
A evolución da sociedade española a través da publicidade. Este foi o título e a temática dunha conferencia ofrecida este luns na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense por María Álvarez, directora xeral en España de Dentsu X, unha das axencias de publicidade máis grandes do mundo.
A actividade estivo organizada pola facultade, polo grupo de investigación Gen e pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, contando ademais co apoio de Ecobas. Foi presentada por Montserrat Cruz, decana da facultade, e Elena Rivo, directora da citada cátedra, que destacaron a dilatada traxectoria de máis de dúas décadas da relatora convidada; a súa paixón polo márketing e a comunicación e a súa capacidade de liderado e traballo en equipo. Alén do contido específico da conferencia, desde a organización do acto destacaron a pertinencia e o interese de que o alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo coñeza de primeira man perfís profesionais e traxectorias de éxito como o da convidada este martes.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollerá os días 19 e 26 de marzo a celebración das I Xornadas sobre termalismo: auga, saúde e coñecemento. Ao longo das dúas sesións, especialistas de diferentes áreas exporán as súas investigacións e traballos arredor do potencial das augas termais, abranguendo desde a súa consideración xurídica e potencial turístico ata as súas aplicacións en saúde, benestar e gastronomía.
A cita está organizada desde a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito á UVigo, co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia que ten o termalismo entre os seus eixes de traballo. Concretamente, o comité organizador das xornadas está formado polas profesoras da citada escola Mª Reyes Pérez, Mª Milagros Fernández e Natalia Olida Fariñas. A actividade está dirixida tanto a público especializado no eido do termalismo e a saúde como a público xeral.
- O arranque do Plan de Turismo Termal de Galicia conta coa participación de alumnado do campus
- Cociñeiros, académicos e alumnado conversan sobre emprendemento
- O campus acollerá unhas xornadas de formación en emprendemento dirixidas ao alumnado universitario
- A Rede Localis aposta pola reforma do financiamento local para garantir a suficiencia de recursos e autonomía financeira