A Universidade de Vigo celebrou este venres o acto conmemorativo do 50 aniversario dos estudos universitarios en Ourense. Percorrendo o camiño do persoal ao colectivo, membros que foron ou son da comunidade universitaria e representantes de numeras entidades compartiron lembranzas, anécdotas e emocións nunha homenaxe á historia do que hoxe é o campus de Ourense e do colectivo que o fixo posible.
O acto contou coa asistencia de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; a secretaria xeral e vicerreitores e vicerreitoras da institución académica, entre eles Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; anteriores responsables académicos; numerosas autoridades en representación das diferentes administracións públicas, colexios profesionais, empresas e outras entidades, ademais de membros da comunidade universitaria.
Este martes presentouse en Madrid o libro Centenario del Turismo Español, unha publicación que reúne 55 especialistas de 25 universidades españolas e das diferentes comunidades autónomas para ofrecer un exhaustivo repaso pola historia deste sector. Entre elas e eles, está un equipo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense formado por cinco profesoras e profesores, como son Montserrat Cruz, Francisco Javier Sánchez, Antonio Fraiz, Noelia Araújo e Diego Rodríguez.
A publicación, un proxecto desenvolvido pola plataforma Nexotur, “quere recoller os aspectos máis importantes do turismo en España, en todas e cada unha das súas vertentes, co fin de conmemorar o centenario do turismo en España”, explica Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus. Trátase, indica o equipo da UVigo, dun traballo que se realizou durante algo máis dun ano e no que investigadoras e investigadores de todas as áreas turísticas realizaron as súas achegas científico-técnicas. Entre elas destacan capítulos sobre hostalaría e aloxamento, distribución de viaxes, modos de transporte, destinos e administracións, infraestruturas turísticas, grupos e asociacións e outros segmentos turísticos.
O Consejo Económico y Social de España (CES) entregou este martes en Madrid o seu XXII Premio de Investigación, dotado con 40.000 euros, ao proxecto de ciberseguridade Gardiáns dixitais para un crecemento sostible: ciberseguridade e protección cidadá na era da transformación dixital. O traballo foi realizado por equipo dirixido por Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e conformado por outros nove investigadores e investigadoras, docentes da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela de distintas disciplinas, como son a Economía Aplicada, a Organización de Empresa e Comercialización, o Dereito Administrativo e Laboral e as Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial.
Tras a recollida do premio, Alberto Vaquero destacou que “queremos agradecer ao CES a oportunidade que tivemos de colaborar cunha institución tan relevante no ámbito socioeconómico e laboral. Para todo o equipo foi un orgullo que confiase en nós para realizar unha investigación que confiamos se converta nun referente no campo da ciberseguridade pola súa perspectiva integradora, inclusiva e multidisciplinar”. Así, o director do proxecto gañador destaca que o estudo vai dirixido a un público non técnico, coa idea de que sexa “accesible para o día a día do usuario” e tendo en conta que a ciberseguridade “afecta xa á cidadanía e ás persoas, aos dereitos dixitais, ás empresas, ás institucións, etc”.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este martes o acto de entrega dos seus Premios TFG José Manuel Pérez Canal, nos que se distinguen os mellores traballos fin de grao do alumnado dos diferentes graos que se imparten neste centro. Os primeiros premios foron para estudos sobre a avaliación da rendibilidade social do destino Ourense Termal e sobre a promoción turística do Camiño de Santiago en series de televisión.
O acto de entrega contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional; Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense; Carmen Lence, socia e CEO do Grupo Lence, e Pilar García, responsable de Recursos Humanos do Grupo Hotusa. Nas súas intervencións, destacaron como estes galardóns recoñecen o esforzo e o talento do estudantado e tiveron palabras de lembranza para José Manuel Pérez Canal, cuxa familia estaba presente.
- Unhas xornadas analizan os mecanismos temporais de regulación de emprego
- Alumnado de Turismo participa nun proxecto de inclusión en patrimonio cultural marítimo pesqueiro
- Alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo achégase á xestión na empresa familiar
- Once nacionalidades, 25 estudantes e un posto no top-ten europeo