No ecuador da súa actividade, o Grupo Operativo Resfo (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado), participado por un equipo da Universidade de Vigo, avanza na avaliación do potencial da resina galega nos sectores da cosmética, perfumaría, pinturas e vernices. A iniciativa lanzouse fai un ano co obxectivo de potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector, tanto con melloras técnicas no proceso de destilación e caracterización como a través da apertura de novos mercados e aplicacións.
Resfo está coordinado pola empresa Foresin, especializada en xestión forestal e aproveitamento resineiro. Por parte da UVigo participa desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o Grupo para a Análise Empresarial. Completa o panel de socios a empresa Xagoaza Pinaster, industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense entregou este martes os seus Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2025, destinados a recoñecer os mellores traballos fin de grao de alumnado das titulacións de Turismo e de Administración e Dirección de Empresas. Os tres estudos galardoados céntranse na análise económico-financeira da empresa ourensá Sociedade Textil Lonia; no aloxamento no rural da montaña galega e na metodoloxía S-LCA e análise da industria plant-based.
O acto contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Olga Santos, vicepresidenta da Confederación Empresarial de Ourense; María del Carmen Sampayo, decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense; e Isabel Pérez, conselleira e directora de Asuntos Corporativos de Pérez Rumbao. Á entrega asistiron tamén membros da comunidade universitaria e familiares do falecido José Manuel Pérez Canal. Nas súas intervencións, as autoridades lembraron a figura e o legado de José Manuel Pérez Canal e puxeron en valor o talento e o esforzo do alumnado premiado, neste caso tres mulleres. Igualmente subliñaron a importancia de que profesionais, universidade e sector empresarial colaboren tanto para acadar unha óptima formación do estudantado como para contribuír a un maior e mellor desenvolvemento da sociedade. Os Premios TFG José Manuel Pérez Canal realízanse ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a facultade ourensá e o Colexio de Economistas de Ourense, contado tamén co apoio da Deputación de Ourense.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración da Xornada Técnica sobre Lonxevidade, Termalismo e Finanzas Públicas. Organizada polo foro de debate e divulgación científica Ágora Termal, nela participaron especialistas do eido académico e profesional que destacaron a importancia destes factores para un envellecemento activo e saudable.
Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que, tendo en conta datos como a cifra de centenarios, “Ourense serve como laboratorio vivo para investigar os factores sociais, culturais, ambientais e biolóxicos que poden favorecer un envellecemento saudable e lonxevo”. Neste senso apuntou as diferentes liñas de actuación que ten a UVigo neste eido, tanto en investigación como en docencia e transferencia, e puxo en relevo a vinculación das xornadas co Campus Auga, o proxecto de especialización acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacou o “acaído” de abordar a temática das xornadas dadas as cifras de envellecemento poboacional de Ourense, e de vincular este envellecemento co termalismo e as finanzas.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este venres a celebración do coloquio É o AVE a solución aos nosos males? O seu obxectivo foi reflexionar sobre o impacto da alta velocidade na cidade e na provincia de Ourense. Para facelo, contou coa participación de Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense; Julio Iglesias, asesor executivo do Grupo REVI; e Carlos de la Peña, economista e exdirector xeral de ADIF. A mesa estivo moderada José Ángel Vázquez Barquero, director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia Económica da UVigo e coordinador da actividade.
Na presentación do coloquio, José Ángel Vázquez Barquero explicou que con el arranca unha nova edición dos Encontros no Campus, que ao igual que o curso pasado teñen como obxectivo ser “un punto de encontro” no que establecer “un diálogo tranquilo sobre temas importantes para a nosa cidade e para a nosa provincia”. Nestas actividades, sinalou, participarán profesionais, empresariado, representantes de colectivos significativos na provincia, etc co obxectivo de “discutir, falar e intercambiar puntos de vista”. Neste senso, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, apuntou a importancia de que máis alá da docencia e da investigación, a universidade e neste caso a súa facultade sexan tamén “un punto de encontro de xeración de ideas, de opinión”, un espazo “no que e recoller o pensamento de Ourense”.
- O XVII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións reúne en Ourense a 130 profesionais
- Alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo afonda na transición xeracional na empresa familiar
- A Unidade de Igualdade formará o alumnado da UVigo contra o acoso sexual e por razón de sexo
- De Ourense ao Caribe para facer carreira directiva no sector turístico