O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo mellora a súa posición no ránking internacional dos mellores posgraos de SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. A titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sitúase no primeiro posto de España, segundo de Europa e número 12 do mundo.
O coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, Patricio Sánchez, sinala que os bos resultados acadado neste 2026 supoñen “unha alegría e un recoñecemento ao traballo do grande equipo” que rodea este mestrado, desde o profesorado ata o alumnado. “SportBusiness é a plataforma internacional de referencia na industria do deporte e que unha institución como ela che distinga no seu ránking internacional de mestrados en xestión deportiva é un gran respaldo ao traballo realizado. Dá un chisco de impresión que un posgrao como o noso poida estar competindo con grandes universidades europeas e americanas pero se estamos aí, por algo é”, afirma o profesor da UVigo.
Un equipo da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo ASSET (Accounting for Sustainability, Social and Environmental Transparency), centrado en adaptar a formación en contabilidade aos novos retos de sostibilidade. A iniciativa, explican desde a súa organización, “pretende contribuír á formación de profesionais con capacidades para integrar a sostibilidade na toma de decisións empresariais, ao tempo que reforza a cooperación internacional entre universidades europeas”.
O proxecto Contabilidade para a Sostibilidade e Transparencia Social e Ambiental, está financiado polo programa Erasmus+ KA2 (Cooperation Partnerships in Higher Education) da Unión Europea. Reúne un consorcio de oito universidades europeas “cunha longa tradición de colaboración na oferta de programas de ensino innovadores sobre contabilidade, finanzas e auditoría”. Concretamente, están a UVigo, Universidade de Urbino (coordinadora), Johannes Kepler University Linz (Austria), ISCAP (Portugal), ISM University of Management and Economics (Lituania), Université Bretagne Sud (Francia), West University of Timișoara (Romanía) e International Hellenic University (Grecia).
Alumnado das facultades de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) e de Relacións Internacionais do campus de Ourense participa desde o luns nun seminario internacional e multicultural na Universidade de Bremerhaven (Hochschule Bremerhaven), en Alemaña. A iniciativa permite ao estudantado da UVigo compartir unha semana de actividades formativas e de ocio con alumnado alemán.
Esta visita devolve a realizada polo estudantado alemán que participou en Ourense no mes de abril na International Week 2026, organizada polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais. Desde hai anos, existe unha estreita relación entre a Fcetou e a Universidade de Bremerhaven, que permite que o alumnado dos graos de ADE e Turismo da facultade ourensá poden obter ademais da súa titulación pola UVigo a de Bachelor of Arts in Business Administration e a de Bachelor of Arts in Cruise Tourism Management, respectivamente, pola Hochschule Bremerhaven. Ademais, cada curso académico realizan unha serie de actividades conxuntas, como a citada International Week e este seminario, actividades ás que este curso académico se uniu a Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) do campus de Ourense celebra ao longo desta semana un programa que permite a unha trintena de estudantes do centro e de universidades de Portugal, Polonia, Ucraína e Bielorrusia, coñecer de primeira man o sector vitivinícola da contorna e as súas potencialidades turísticas. A iniciativa leva por nome Blended Intensive Program (BIP) Wine Tourism Management (Programa Intensivo Combinado sobre Xestión do Enoturismo), e ten como lema Innovación e sostibilidade: da tradición vitivinícola á experiencia do cliente.
O alumnado participante procede de facultades con titulacións de Turismo coas que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá realizou acordos para a celebración deste evento ou coas que xa viña colaborando en iniciativas previas. O obxectivo da actividade, indican desde a súa organización, é dar a coñecer ao alumnado algunhas das experiencias máis importantes de enoturismo en Galicia e no norte de Portugal, analizando a relación que se dá nelas entre territorio, viño e turismo. Con este programa, engaden, o alumnado ten a oportunidade de afondar no enoturismo como experiencia, coñecendo de primeira man o seu papel na posta en valor da paisaxe cultural e o desenvolvemento territorial. Na actividade colabora o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, e a Deputación de Ourense.