A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo organiza este mes de febreiro varias conferencias que teñen como obxectivo achegar de primeira man a experiencia internacional de empresas ourensás ao alumnado do campus. A primeira tivo lugar este xoves pola tarde na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e centrouse no caso de UNVI e a segunda será o día 19 e estará dedicada a MRF.
O título da conferencia celebrada onte foi A experiencia dunha empresa internacional: o caso UNVI. Foi ofrecida por Carlos Rivo, director xeral de UNVI, e presentada por Elena Rivo, directora da Cátedra Empresa Familiar que organiza o evento. Nela, o convidado expuxo a evolución e a aposta internacional desta empresa ourensá no eido dos autobuses eléctricos e de combustión, que actualmente ten presenza en máis de medio centenar de países de cinco continentes.
Cada curso académico, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pon en marcha o programa de mentorización Meta, iniciativa que conecta estudantado con persoal directivo, empresarial e propietario co obxectivo último de favorecer o desenvolvemento profesional e a empregabilidade do alumnado universitario. O programa arranca agora unha nova edición co obxectivo de ampliar a súa rede de mentoras e mentores, animando ao tecido empresarial e económico a coñecer este proxecto e a unirse a el.
Ernesto López Valeiras, coordinador de Meta, explica que se pon en marcha a sétima edición deste programa, xa consolidado e avalado polos bos resultados acadados ano tras ano. “O programa Meta está dirixido ao alumnado de grao e mestrado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e baséase nun proceso de acompañamento individualizado no que profesionais con experiencia no ámbito empresarial comparten co alumnado coñecemento, visión estratéxica e consellos prácticos sobre a realidade do mercado de traballo, a toma de decisións e o liderado”, sinala o profesor da UVigo.
O 13,47% do alumnado da Universidade de Vigo atópase no proceso de creación do seu propio negocio e o 5,7% xa o puxo en marcha. O 7,3% manifesta intención de converterse en emprendedora ou emprendedor ao rematar os seus estudos, porcentaxe que se duplica ata o 15,9% cando se considera o horizonte temporal de cinco anos tras a graduación. Estes son algúns dos datos recollidos polo Informe GUESSS 23/24 UVigo. Intencións de carreiras, espírito emprendedor e iniciativas empresariais do estudantado da Universidade de Vigo.
O documento, feito co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, foi realizado polas profesoras da UVigo Mª Isabel Diéguez e Ana Gueimonde e pola directora da Área de Calidade Raquel Gandón. A iniciativa forma parte de Global University Entrepreneurial Spirit Students’ Survey (GUESSS), “o proxecto internacional de investigación colaborativa máis importante do mundo no ámbito universitario do fenómeno emprendedor, que recolle información bianualmente sobre intencións e actividades emprendedoras do estudantado” e que realiza “recomendacións para facer das universidades viveiros de empresas de alto potencial”.
Este martes presentouse en Madrid, no auditorio da Real Casa de la Moneda, o manual de divulgación científica Conocimiento Turístico. Trátase dunha iniciativa froito da colaboración entre “as principais empresas e facultades de turismo de España” na que profesorado do campus de Ourense ten un peso destacado, realizando tres dos seus capítulos. Pola súa achega, no lanzamento da obra foron galardoados xunto aos demais autores e coordinadores coa medalla Conocimiento Turístico.
- O Grupo Operativo Resfo avanza na avaliación do potencial de uso da resina galega en cosmética, perfumaría, pinturas e vernices
- Os Premios TFG José Manuel Pérez Canal distinguen traballos sobre a Sociedade Textil Lonia, o turismo de montaña e a metodoloxía S-LCA
- Unha xornada técnica analiza no campus os nexos entre lonxevidade, termalismo e finanzas públicas
- Un coloquio aborda na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo o impacto do AVE para Ourense