A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense arrancou este mércores unha nova edición dos seus Professional Brunch, un espazo de encontro onde o alumnado pode coñecer de primeira man experiencias profesionais de interese para a súa formación e interactuar cos seus responsables. Nesta ocasión Justo Sierra, presidente e conselleiro delegado de URO Vehículos Especiales S.A. (Urovesa), ofreceu unha intervención na que afondou, a partir da experiencia da súa empresa, no papel estratéxico do sector da seguridade e a defensa e o seu impacto no desenvolvemento económico e social.
A iniciativa contou coa colaboración do Colexio de Economistas de Ourense, e arrancou coas intervencións da súa presidenta, Carmen Sampaio, e do decano da facultade organizadora, Jesús Vázquez. Desde a organización da actividade salientaron a oportunidade que ofrece ao alumnado este tipo de actividades, que lles permiten coñecer de primeira man grandes empresas e persoal directivo delas e interactuar directamente con eles, contribuíndo así a diferentes facianas da súa formación como futuros profesionais. Á cita asistiu principalmente alumnado dos diferentes graos do centro, onde se imparte Administración e Dirección de Empresas e Turismo e programas conxuntos, como ADE-Dereito.
Un cento de asistentes, 67 traballos científicos realizados por arredor de 150 especialistas de diferentes países e a implicación dun amplo abano de entidades relacionadas co sector. Con estas cifras de fondo, este martes e mércores a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Nel apóstase por avanzar cara “un mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais” visibilizando o traballo investigador que se fai arredor deste sector e no que a Universidade de Vigo ten un papel destacado.
O A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia , que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Con arredor dun centenar de asistentes, no evento presentaranse arredor de 70 traballos científicos.
O principal obxectivo do congreso, organizado en colaboración con Ágora Termal, é “ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais”. Colaboran na iniciativa, ademais da Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
José Manuel Rodríguez Uribes, secretario de Estado para o Deporte, ofrecerá este venres unha conferencia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Será no marco do acto académico de inicio do curso 2026/2027 do Mestrado Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo.
O acto, presentado por Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; e Patricio Sánchez, coordinador do Mestrado Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, terá lugar ás 17.00 h na aula magna José Ángel Valente do edificio Xurídico-Empresarial. “Será a primeira vez que o secretario de Estado para o Deporte visite o campus de Ourense e, polo tanto, será unha excelente oportunidade para achegarse de primeira man á realidade política do sector”, explica Patricio Sánchez.
Estudantado de 11 facultades e escolas dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo participará, a partir do 21 de setembro, na segunda edición do programa Voces de cambio que promove a Unidade de Igualdade da UVigo co obxectivo de sensibilizar e capacitar ao alumnado para identificar e comprender as violencias machistas no contexto universitario, con especial atención ao acoso sexual e por razón de sexo.
A doutora pola UVigo Sabela Salgueiro será por segundo ano consecutivo a encargada de impartir a acción formativa vinculada ao Protocolo de prevención do acoso sexual e por razón de sexo da Universidade de Vigo e financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A través dunha formación presencial e dinámica as persoas asistentes aprenderán ferramentas prácticas para actuar como axentes de cambio, promovendo actuacións preventivas, de apoio e derivación axeitada en situacións de violencia machista, tanto presenciais, como en contornas dixitais.
O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo mellora a súa posición no ránking internacional dos mellores posgraos de SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte. A titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sitúase no primeiro posto de España, segundo de Europa e número 12 do mundo.
O coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, Patricio Sánchez, sinala que os bos resultados acadado neste 2026 supoñen “unha alegría e un recoñecemento ao traballo do grande equipo” que rodea este mestrado, desde o profesorado ata o alumnado. “SportBusiness é a plataforma internacional de referencia na industria do deporte e que unha institución como ela che distinga no seu ránking internacional de mestrados en xestión deportiva é un gran respaldo ao traballo realizado. Dá un chisco de impresión que un posgrao como o noso poida estar competindo con grandes universidades europeas e americanas pero se estamos aí, por algo é”, afirma o profesor da UVigo.
Un equipo da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo ASSET (Accounting for Sustainability, Social and Environmental Transparency), centrado en adaptar a formación en contabilidade aos novos retos de sostibilidade. A iniciativa, explican desde a súa organización, “pretende contribuír á formación de profesionais con capacidades para integrar a sostibilidade na toma de decisións empresariais, ao tempo que reforza a cooperación internacional entre universidades europeas”.
O proxecto Contabilidade para a Sostibilidade e Transparencia Social e Ambiental, está financiado polo programa Erasmus+ KA2 (Cooperation Partnerships in Higher Education) da Unión Europea. Reúne un consorcio de oito universidades europeas “cunha longa tradición de colaboración na oferta de programas de ensino innovadores sobre contabilidade, finanzas e auditoría”. Concretamente, están a UVigo, Universidade de Urbino (coordinadora), Johannes Kepler University Linz (Austria), ISCAP (Portugal), ISM University of Management and Economics (Lituania), Université Bretagne Sud (Francia), West University of Timișoara (Romanía) e International Hellenic University (Grecia).
Alumnado das facultades de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) e de Relacións Internacionais do campus de Ourense participa desde o luns nun seminario internacional e multicultural na Universidade de Bremerhaven (Hochschule Bremerhaven), en Alemaña. A iniciativa permite ao estudantado da UVigo compartir unha semana de actividades formativas e de ocio con alumnado alemán.
Esta visita devolve a realizada polo estudantado alemán que participou en Ourense no mes de abril na International Week 2026, organizada polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais. Desde hai anos, existe unha estreita relación entre a Fcetou e a Universidade de Bremerhaven, que permite que o alumnado dos graos de ADE e Turismo da facultade ourensá poden obter ademais da súa titulación pola UVigo a de Bachelor of Arts in Business Administration e a de Bachelor of Arts in Cruise Tourism Management, respectivamente, pola Hochschule Bremerhaven. Ademais, cada curso académico realizan unha serie de actividades conxuntas, como a citada International Week e este seminario, actividades ás que este curso académico se uniu a Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) do campus de Ourense celebra ao longo desta semana un programa que permite a unha trintena de estudantes do centro e de universidades de Portugal, Polonia, Ucraína e Bielorrusia, coñecer de primeira man o sector vitivinícola da contorna e as súas potencialidades turísticas. A iniciativa leva por nome Blended Intensive Program (BIP) Wine Tourism Management (Programa Intensivo Combinado sobre Xestión do Enoturismo), e ten como lema Innovación e sostibilidade: da tradición vitivinícola á experiencia do cliente.
O alumnado participante procede de facultades con titulacións de Turismo coas que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá realizou acordos para a celebración deste evento ou coas que xa viña colaborando en iniciativas previas. O obxectivo da actividade, indican desde a súa organización, é dar a coñecer ao alumnado algunhas das experiencias máis importantes de enoturismo en Galicia e no norte de Portugal, analizando a relación que se dá nelas entre territorio, viño e turismo. Con este programa, engaden, o alumnado ten a oportunidade de afondar no enoturismo como experiencia, coñecendo de primeira man o seu papel na posta en valor da paisaxe cultural e o desenvolvemento territorial. Na actividade colabora o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, e a Deputación de Ourense.