A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este luns un Obradoiros de saídas profesionais, co obxectivo de achegar ao seu alumnado de últimos cursos diferentes opcións que teñen para o seu desenvolvemento laboral futuro. Para acadalo, contaron coa participación de profesionais do ámbito público e privado, que explicaron ao estudantado presente as características do traballo que realizan e o camiño seguido ata chegar a el. A iniciativa tivo a colaboración do Colexio de Economistas de Ourense e foi presentada por Jesús Vázquez, decano do centro organizador.
A programación relacionada co 11F no campus de Ourense completouse este venres coa celebración da xornada Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. A actividade quixo ser “un espazo de inspiración, aprendizaxe e diálogo coas profesionais invitadas, referentes nos seus ámbitos e exemplos de compromiso, innovación e liderado”, tal e como sinalaron desde o centro. Moderada pola profesora Isabel Diéguez, a cita contou coa participación de Dora Casal (xerente de Roberto Verino); Alicia María Gómez (xerente de Inplasor Galicia) e de Lucía Novel (directora de Ingeo Enxeñería Xeotérmica). Con esta actividade a facultade quixo “contribuír a recoñecer, visibilizar e apoiar o papel das mulleres na construción dun futuro máis xusto, creativo e sostible”.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo organiza este mes de febreiro varias conferencias que teñen como obxectivo achegar de primeira man a experiencia internacional de empresas ourensás ao alumnado do campus. A primeira tivo lugar este xoves pola tarde na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e centrouse no caso de UNVI e a segunda será o día 19 e estará dedicada a MRF.
O título da conferencia celebrada onte foi A experiencia dunha empresa internacional: o caso UNVI. Foi ofrecida por Carlos Rivo, director xeral de UNVI, e presentada por Elena Rivo, directora da Cátedra Empresa Familiar que organiza o evento. Nela, o convidado expuxo a evolución e a aposta internacional desta empresa ourensá no eido dos autobuses eléctricos e de combustión, que actualmente ten presenza en máis de medio centenar de países de cinco continentes.
Cada curso académico, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pon en marcha o programa de mentorización Meta, iniciativa que conecta estudantado con persoal directivo, empresarial e propietario co obxectivo último de favorecer o desenvolvemento profesional e a empregabilidade do alumnado universitario. O programa arranca agora unha nova edición co obxectivo de ampliar a súa rede de mentoras e mentores, animando ao tecido empresarial e económico a coñecer este proxecto e a unirse a el.
Ernesto López Valeiras, coordinador de Meta, explica que se pon en marcha a sétima edición deste programa, xa consolidado e avalado polos bos resultados acadados ano tras ano. “O programa Meta está dirixido ao alumnado de grao e mestrado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e baséase nun proceso de acompañamento individualizado no que profesionais con experiencia no ámbito empresarial comparten co alumnado coñecemento, visión estratéxica e consellos prácticos sobre a realidade do mercado de traballo, a toma de decisións e o liderado”, sinala o profesor da UVigo.
O 13,47% do alumnado da Universidade de Vigo atópase no proceso de creación do seu propio negocio e o 5,7% xa o puxo en marcha. O 7,3% manifesta intención de converterse en emprendedora ou emprendedor ao rematar os seus estudos, porcentaxe que se duplica ata o 15,9% cando se considera o horizonte temporal de cinco anos tras a graduación. Estes son algúns dos datos recollidos polo Informe GUESSS 23/24 UVigo. Intencións de carreiras, espírito emprendedor e iniciativas empresariais do estudantado da Universidade de Vigo.
O documento, feito co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, foi realizado polas profesoras da UVigo Mª Isabel Diéguez e Ana Gueimonde e pola directora da Área de Calidade Raquel Gandón. A iniciativa forma parte de Global University Entrepreneurial Spirit Students’ Survey (GUESSS), “o proxecto internacional de investigación colaborativa máis importante do mundo no ámbito universitario do fenómeno emprendedor, que recolle información bianualmente sobre intencións e actividades emprendedoras do estudantado” e que realiza “recomendacións para facer das universidades viveiros de empresas de alto potencial”.
Este martes presentouse en Madrid, no auditorio da Real Casa de la Moneda, o manual de divulgación científica Conocimiento Turístico. Trátase dunha iniciativa froito da colaboración entre “as principais empresas e facultades de turismo de España” na que profesorado do campus de Ourense ten un peso destacado, realizando tres dos seus capítulos. Pola súa achega, no lanzamento da obra foron galardoados xunto aos demais autores e coordinadores coa medalla Conocimiento Turístico.
No ecuador da súa actividade, o Grupo Operativo Resfo (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado), participado por un equipo da Universidade de Vigo, avanza na avaliación do potencial da resina galega nos sectores da cosmética, perfumaría, pinturas e vernices. A iniciativa lanzouse fai un ano co obxectivo de potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector, tanto con melloras técnicas no proceso de destilación e caracterización como a través da apertura de novos mercados e aplicacións.
Resfo está coordinado pola empresa Foresin, especializada en xestión forestal e aproveitamento resineiro. Por parte da UVigo participa desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o Grupo para a Análise Empresarial. Completa o panel de socios a empresa Xagoaza Pinaster, industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense entregou este martes os seus Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2025, destinados a recoñecer os mellores traballos fin de grao de alumnado das titulacións de Turismo e de Administración e Dirección de Empresas. Os tres estudos galardoados céntranse na análise económico-financeira da empresa ourensá Sociedade Textil Lonia; no aloxamento no rural da montaña galega e na metodoloxía S-LCA e análise da industria plant-based.
O acto contou coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Olga Santos, vicepresidenta da Confederación Empresarial de Ourense; María del Carmen Sampayo, decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense; e Isabel Pérez, conselleira e directora de Asuntos Corporativos de Pérez Rumbao. Á entrega asistiron tamén membros da comunidade universitaria e familiares do falecido José Manuel Pérez Canal. Nas súas intervencións, as autoridades lembraron a figura e o legado de José Manuel Pérez Canal e puxeron en valor o talento e o esforzo do alumnado premiado, neste caso tres mulleres. Igualmente subliñaron a importancia de que profesionais, universidade e sector empresarial colaboren tanto para acadar unha óptima formación do estudantado como para contribuír a un maior e mellor desenvolvemento da sociedade. Os Premios TFG José Manuel Pérez Canal realízanse ao abeiro do convenio de colaboración existente entre a facultade ourensá e o Colexio de Economistas de Ourense, contado tamén co apoio da Deputación de Ourense.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves a celebración da Xornada Técnica sobre Lonxevidade, Termalismo e Finanzas Públicas. Organizada polo foro de debate e divulgación científica Ágora Termal, nela participaron especialistas do eido académico e profesional que destacaron a importancia destes factores para un envellecemento activo e saudable.
Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que, tendo en conta datos como a cifra de centenarios, “Ourense serve como laboratorio vivo para investigar os factores sociais, culturais, ambientais e biolóxicos que poden favorecer un envellecemento saudable e lonxevo”. Neste senso apuntou as diferentes liñas de actuación que ten a UVigo neste eido, tanto en investigación como en docencia e transferencia, e puxo en relevo a vinculación das xornadas co Campus Auga, o proxecto de especialización acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, destacou o “acaído” de abordar a temática das xornadas dadas as cifras de envellecemento poboacional de Ourense, e de vincular este envellecemento co termalismo e as finanzas.