Alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense participa no proxecto ACD_Mar, Laboratorio para o fomento da accesibilidade e inclusión de persoas con discapacidade na promoción do patrimonio cultural marítimo pesqueiro. Trátase dunha iniciativa posta en marcha por Fundamar, a Asociación Amicos e a Universidade da Coruña co obxectivo de fomentar a promoción dunha cultura accesible e inclusiva, na que se involucren activamente os e as futuras profesionais do sector turístico (neste caso alumnado do Grao de Turismo da Universidade de Vigo), o sector pesqueiro e marítimo e persoas con discapacidade.
Ao abeiro da iniciativa, membros do equipo do proxecto ofreceron unha charla na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo a un grupo de alumnas e alumnos coordinado pola catedrática da UVigo e profesora deste centro Elisa Alén. Nela presentaron os retos e oportunidades aos que debe facer fronte a promoción do patrimonio cultural pesquerio en materia de inclusión e accesibilidade. Posteriormente, o alumnado ourensá realizou unha visita formativa ao porto de Vigo para coñecer de primeira man o sector. Esta fase de ACD_Mar está dirixida a pór en contacto aos actores que participarán no proxecto para desembocar en encontros entre estudantes e profesionais con persoas con discapacidade nos que se identifiquen os retos e solucións en materia de accesibilidade e inclusión na temática elixida. Este é o primeiro paso para a implementación dun laboratorio para estudar e deseñar solucións de accesibilidade que xiren en torno a servizos culturais adaptados a todas as persoas, con independencia das súas capacidades físicas ou cognitivas, que poidan ser implantadas con éxito en entidades de economía social.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo arrancou este martes a súa programación aberta ao público deste curso académico 2024/2025. Fíxoo cunha conferencia titulada A xestión na empresa familiar: a visión dun executivo non familiar, ofrecida por Carlos Rivo López, director comercial de UNVI (Grupo Pérez Rumbao). O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, contando coa colaboración da Asociación Galega de Empresa Familiar (entidade que apoia a citada cátedra da UVigo) e coa asistencia de alumnado deste centro.
A conferencia foi presentada por Montserrat Cruz, decana da facultade anfitrioa, que destacou na súa apertura a dilatada traxectoria do convidado en diferentes empresas. Na súa conferencia, Carlos Rivo quixo “non tanto dar información teórica sobre a empresa familiar senón o meu punto de vista sobre ela, en base á miña experiencia de empregado en empresas familiares e en empresas non familiares”. Así, ao longo da súa intervención analizou diferentes perspectivas que unhas e outras teñen sobre diversos aspectos, desde a organización ata as expectativas de crecemento, co obxectivo de que a alumnado presente tivese “unhas pautas que lles permitan ter unha visión máis axustada á realidade da empresa familiar”.
O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, arrancou este curso académico 2024/2025 sumando bos resultados. Por unha banda, acadou un ano máis estar no “top-ten” europeo dos mellores posgraos da súa área e por outra continúa a afianzar a súa faciana internacional, acollendo este ano estudantes de once nacionalidades.
No ránking SportBusiness de 2024, feito público recentemente, este mestrado sitúase sétimo de Europa e 25 do mundo. Sobre este resultado, Patricio Sánchez, coordinador do título, sinala que “supón toda una alegría (e unha responsabilidade) que un posgrao como o noso se posicione nun ránking tan prestixioso, ao carón de universidades internacionais de referencia no ámbito da xestión deportiva”. SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. Así, o SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este xoves a conferencia Estratexias de márketing para emprendedores/as: a importancia dos activos intanxibles. Nela, Alicia Cándida Blanco, catedrática da Área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidad Rey Juan Carlos, explicou aos membros da comunidade universitaria presentes algunhas das claves específicas que deben ter en conta as e os emprendedores para conseguir atopar un oco nun mercado cada vez máis complexo.
A relatora, presentada polo catedrático da UVigo José Antonio Fraiz, centrouse en explicar como as e os emprendedores poden xestionar os activos intanxibles dos seus proxectos para obter bos resultados. Como premisa de partida, lembrou que os obxectivos tradicionais que contemplan os plans de empresa non se adecúan ás necesidades das e dos emprendedores, xa que estes non dispoñen de activos como a marca, a reputación e mesmo ventas. Pola contra, ao longo da súa intervención foi analizando algúns dos activos intanxibles que si poden aplicar, citando entre eles a lexitimidade, a aceptación social do emprendemento. Pondo exemplos de emprendedoras e emprendedores lexitimados que si lograron sacar adiante os seus proxectos, Alicia Cándida Blanco foi achegándose ao longo da súa conferencia a cuestións moi importantes para os emprendementos tales como xerar unha rede de socios para ter máis fortaleza, atraer recursos humanos ou aproveitar os beneficios dos viveiros de empresas.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este luns a celebración do Día da Educación Financeira. 2º Encontro do Observatorio AFFE (Accounting and Finance for Entrepreneurship Monitor), organizado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas co apoio de diferentes entidades. Ao longo da mañá e da tarde, a comunidade investigadora e persoas interesadas tiveron a oportunidade de asistir a conferencias e obradoiros arredor da alfabetización financeira en contextos organizativos. Na programación participaron especialistas procedentes da IE University, a University of Essex e a Universidad de Burgos, ademais da UVigo. Tamén tivo lugar un obradoiro metodolóxico titulado Causal Inference with Directed Acyclic Graphs (DAGs), a cargo de Enrique Acebo, da Universidad de León. O evento estivo coordinado polo profesor e investigador Ernesto López-Valeiras e a investigadora predoutoral Cristina Ilie, xunto con Sara Fernández e Marcos Álvarez, membros permanentes de Ecobas.
Cando a misión pasa a ser propósito: medidas para un emprendemento sostible e equitativo. Este é o título dun traballo realizado polos profesores Alberto Vaquero (Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense) e María Bastida e Miguel Ángel Vázquez Taín (Universidade de Santiago de Compostela) que acaba de ser galardoado polo Centro de Estudos Financieros. A súa investigación acadou o primeiro premio dos Premios Estudios Financieros 2024 que concede esta entidade na temática de contabilidade e sostibilidade. Nel ofrécese “unha visión integral sobre como as diferenzas de xénero inflúen tanto na intención de emprender como na elección de modelos empresariais, subliñando a importancia de adaptar as políticas de apoio ao emprendemento segundo o xénero”.
Os autores e autora do traballo recolleron o seu galardón este martes pola tarde na gala de entrega de premios celebrada en Madrid, destacando que “non podemos estar máis satisfeitos e agradecidos” por este recoñecemento. O estudo aborda “as diferenzas de xénero no emprendemento, explorando como as motivacións que poida ter cada persoa e as barreiras e facilitadores que perciben poden influír na intención emprendedora” e destaca “o papel crave que xogan os modelos de Economía Social e Solidaria (ESS) na preferencia das mulleres por emprender a través de empresas que promovan un enfoque máis sostible”.
Como acontece cada curso académico por estas datas, desde este luns e ata o venres a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra unha nova edición do seu Joint Seminar coa universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes (HTW Saar), de Saarbrücken. Este ano, participan na actividade unha decena de estudantes de Turismo Internacional alemáns e outra decena do Grao de Turismo que se imparte nesta facultade da Universidade de Vigo.
Tendo como lingua de comunicación o inglés, ao longo da semana as e os estudantes das dúas institucións abordarán diferentes aspectos relacionadas coa xestión cultural e o turismo, dedicando especial atención aos produtos rexionais neste eido, e traballarán en pequenos grupos mixtos diferentes propostas. Tampouco faltarán, tendo en conta a temática do seminario, as actividades turísticas para coñecer de primeira man enclaves destacados neste eido, como Santiago de Compostela e en Ourense as termas e Ribadavia. Por último, outro aspecto importante da programación será a convivencia, incidindo con diversidade de actividades no coñecemento das diferentes linguas, culturas e realidades académicas das e dos participantes.
Baixo o lema A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar, o campus de Ourense celebra estes días o seu V Congreso Internacional da Auga. A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e nela danse cita máis de 60 asistentes para afondar dun xeito multidisciplinar na xestión sostible dos recursos hídricos, nun marco xeral de aposta pola economía circular e dedicando especial atención ao ámbito do turismo termal.
Ao igual que en anteriores edicións, o principal obxectivo deste evento é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cos recursos hídricos. A programación desenvólvese os días 26 e 27 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pero previamente, este mércores pola tarde, as e os seus participantes incorporáronse á feira Termatalia coa celebración en Expourense dunha mesa redonda e simposio.
A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel destacan que un habitante do rural debe percorrer unha media de 15 km para acceder a un servizo público e que o 76,6% dos municipios galegos están clasificados como ZPP (zona de pouca poboación). A análise foi elaborada por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
Segundo recolle o documento, os municipios situados en contornas rurais adoitan presentar problemas e limitacións para poder garantir os servizos ás persoas residentes. “Aínda que isto non é patrimonio exclusivo de Galicia, esta situación vese acentuada polo forte proceso de envellecemento poboacional, baixa densidade demográfica, despoboamento continuado, reducida dotación e/ou carencia de infraestruturas e a incapacidade para conseguir un desenvolvemento local endóxeno dos municipios rurais”, sinálase no informe. En Galicia, comenta o autor do traballo, a distancia que debe percorrer un residente no medio rural é de case 15 quilómetros para recibir un servizo público, mentres que non chega a tres quilómetros se reside nunha contorna urbana. “Con todo, a media nacional sitúase en 22,6 quilómetros no medio rural e 2,1 no medio urbano”, apunta.