Deste este luns e ata o xoves, 30 estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense están en Bruxelas coñecendo de primeira man as institucións europeas. Trátase dunha viaxe formativa que lles permite vivir “unha experiencia internacional” e sobre todo “coñecer o funcionamento das institucións da UE, comprender mellor os seus procesos de toma de decisións e achegarse a unha realidade internacional clave para o seu futuro académico e profesional”.
A viaxe está cofinanciada polo Parlamento Europeo, esgotándose as 30 prazas dispoñibles para o alumnado ourensán, que procede dos diferentes graos e cursos que se imparten na facultade organizadora. Esta visita “ao corazón de Europa”, sinala Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus, que acompaña ao alumnado nesta actividade, permite ao estudantado afondar “no coñecemento da construción europea e do seu impacto na cidadanía”, sendo “unha oportunidade única para aprender, compartir experiencias e conectar con Europa desde unha perspectiva académica, profesional e persoal”.
Baixo o nome de Encontro con Empresas, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrará o vindeiro xoves 19 de novembro unha feira que terá como obxectivo abrir oportunidades laborais ao seu alumnado. Nela, ademais dos habituais postos informativos neste tipo de iniciativas, haberá unha zona de entrevistas na que varias empresas con presencia no mercado estatal e internacional buscarán captar talento.
“Os Encontros con Empresas son unha iniciativa que traerá a empresas directamente á nosa facultade. Fronte ás feiras masivas onde os estudantes entregan o seu currículo e agardan a ver se os chaman, aquí o formato é distinto”, comentan desde a organización. Nesta actividade, detallan, o alumnado inscríbese, a empresa revisa o seu perfil entre todas as candidaturas e, se encaixa, na feira convídano a un almorzo de 50 minutos. Eses 50 minutos, sinalan, permiten “unha conversación real, sen colas nin présas” entre o alumnado e a empresa e supón para o estudante “unha oportunidade fantástica para que a empresa que lle interesa o coñeza de verdade, antes mesmo dunha entrevista laboral oficial”. Deste xeito, o alumnado interesado en participar ten que na web do evento inscribirse e compartir o seu curriculum coas entidades do seu interese.
Este martes a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense entregou este martes os seus Premios José Manuel Pérez Canal 2026 aos mellores traballos fin de grao do seu alumnado, certame realizado cada ano en colaboración co Colexio de Economistas de Ourense. Nesta edición, concedeuse un primeiro premio a un estudo sobre criptomoedas e un accésit a un traballo sobre o fútbol feminino profesional.
O acto de entrega contou coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense; o deputado provincial Rosendo Fernández; e Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense. Nas súas palabras, as autoridades destacaron como este iniciativa permite recoñecer e visibilizar o talento que se forma na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Igualmente tiveron palabras de lembranza de José Manuel Pérez Canal, estando entre o público membros da súa familia.
O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur), en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), ambos os dous da Universidade de Santiago de Compostela, entregaron no Museo das Peregrinacións e de Santiago os premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Máster (TFM) no ámbito do turismo. Os galardoados do curso académico 2023-24 son os traballo realizados no campus de Ourense por Miguel Peña, Iago Barreiro e Santiago Pérez sobre o potencial do oleoturismo en Galicia e sobre Ourense Termal.
A iniciativa naceu coa finalidade de recoñecer traballos académicos universitarios realizados en Galicia que contribúan á análise, comprensión e reflexión sobre a actividade turística, os seus retos e as súas transformacións. Nesta primeira edición, e no que respecta aos traballos defendidos no curso académico 2023-24, o gañador do premio ao mellor TFG foi Miguel Peña por O potencial do oleoturismo en Galicia, presentado no Programa Conxunto do Grao en Turismo e Xeografía e Historia da UVigo. Así mesmo, concedeuse un accésit a Iago Barreiro e Santiago Pérez polo traballo Desenvolvemento e validación dunha ferramenta para a avaliación da rendabilidade social en proxectos turísticos: aplicación ao destino Ourense Termal, realizado no Grao en Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
A Universidade de Vigo e a Axencia de Turismo de Galicia asinaron este luns un convenio de colaboración para a creación da Aula Turismo de Galicia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. O espazo aspira a ser “centro de referencia para a creatividade, a innovación docente, a investigación aplicada e a innovación profesional no ámbito turístico”. Para acadalo, promoverá “metodoloxías innovadoras, creativas e participativas” dirixidas ao estudantado, ao persoal docente e investigador, así como a profesionais do sector turístico, favorecendo a “transferencia de coñecemento, a experimentación tecnolóxica e a colaboración co tecido institucional e empresarial do sector turístico galego”.
Na sinatura e presentación do proxecto no edificio xurídico-empresarial do campus de Ourense participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; e Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; asistindo tamén Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Elisa Alén e Nuno Sousa, responsables da aula, e profesorado do centro.
Este mes de outubro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense desenvolve unha ampla programación de cursos que buscan complementar a formación do seu alumnado co obxectivo último de “favorecer a empregabilidade e o desenvolvemento persoal do estudantado, achegándolle ferramentas e habilidades cada vez máis valoradas nas contornas profesionais actuais”. Neles, aprenden desde técnicas para a comunicación eficaz ata o uso de programas de xestión.
Desde o pasado día 1 e ata o día 29 celébrase o curso Desenvolvemento de habilidades profesionais para o éxito académico e laboral, “un programa formativo, deseñado para reforzar aquelas competencias transversais que resultan fundamentais tanto na etapa universitaria como na futura traxectoria profesional do noso alumnado”, tal e como indican desde o centro. En catro sesións ao longo deste mes, na actividade abordaranse “cuestións clave como a comunicación eficaz, o traballo en equipo, a xestión de conflitos, a negociación, o liderado e o benestar persoal, combinando sesións teóricas, talleres prácticos, dinámicas grupais e actividades participativas”.
Un ano máis, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra esta semana unha nova edición do seu seminario anual ou ‘joint seminar’ coa universidade Saarland University of Applied Sciences (HTW Saar), de Saarbrücken, Alemaña. Alumnado das dúas universidades comparten actividades académicas e lúdicas, desde visitas guiadas ata sesións en aula, tendo como eixe de traballo o turismo, concretamente os produtos turísticos rexionais.
A programación arrancou coa benvida este luns a cargo de Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Elena Rapoport Strizhevskaia, vicedecana de Relacións Internacionais e Innovación do centro. Sobre esta iniciativa destacaron a dilatada traxectoria de colaboración internacional coa HTW Saar e a importancia de que o alumnado da súa facultade, neste caso o do Grao de Turismo, participe activamente en iniciativas que lles permitan practicar idiomas, compartir experiencias e coñecementos con alumnado doutras universidades estranxeiras e coñecer como se enfoca a súa área de estudo noutros países. Pola parte alemá, o seminario está organizado como cada ano por Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) do campus de Ourense organizou este luns dúas actividades destinadas a potenciar a formación do seu alumnado en dous ámbitos moi diferentes. Por unha banda, celebrou unha mesa redonda sobre a igualdade salarial, centrándose nos avances, retos e propostas desde a representación sindical, e por outra realizou un encontro-café con Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, no que se abordou a situación do sector turístico ourensán e o Camiño de Santiago.
Con motivo do Día Internacional da Igualdade Salarial o 18 de setembro, o centro organizou tamén este luns a mesa redonda A igualdade salarial: avances, retos e propostas desde a representación sindical. A actividade reuniu a alumnado e público interesado para “reflexionar sobre unha cuestión que continúa a ser un dos principais desafíos en materia de igualdade no ámbito laboral”. Na apertura da sesión, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, salientou a necesidade de ante esta problemática, “pasar da teoría aos feitos”. Pola súa banda, a moderadora da mesa e profesora do centro Isabel Diéguez, docente da Área de Organización de Empresas e Recursos Humanos, destacou a importancia de que as e os futuros profesionais en dirección de empresas e xestión de persoas que es forman na Fcetou adquiran “unha visión crítica e comprometida coa igualdade retributiva” a través de iniciativas como a celebrada este luns.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense arrancou este mércores unha nova edición dos seus Professional Brunch, un espazo de encontro onde o alumnado pode coñecer de primeira man experiencias profesionais de interese para a súa formación e interactuar cos seus responsables. Nesta ocasión Justo Sierra, presidente e conselleiro delegado de URO Vehículos Especiales S.A. (Urovesa), ofreceu unha intervención na que afondou, a partir da experiencia da súa empresa, no papel estratéxico do sector da seguridade e a defensa e o seu impacto no desenvolvemento económico e social.
A iniciativa contou coa colaboración do Colexio de Economistas de Ourense, e arrancou coas intervencións da súa presidenta, Carmen Sampaio, e do decano da facultade organizadora, Jesús Vázquez. Desde a organización da actividade salientaron a oportunidade que ofrece ao alumnado este tipo de actividades, que lles permiten coñecer de primeira man grandes empresas e persoal directivo delas e interactuar directamente con eles, contribuíndo así a diferentes facianas da súa formación como futuros profesionais. Á cita asistiu principalmente alumnado dos diferentes graos do centro, onde se imparte Administración e Dirección de Empresas e Turismo e programas conxuntos, como ADE-Dereito.