Este mes de outubro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense desenvolve unha ampla programación de cursos que buscan complementar a formación do seu alumnado co obxectivo último de “favorecer a empregabilidade e o desenvolvemento persoal do estudantado, achegándolle ferramentas e habilidades cada vez máis valoradas nas contornas profesionais actuais”. Neles, aprenden desde técnicas para a comunicación eficaz ata o uso de programas de xestión.
Desde o pasado día 1 e ata o día 29 celébrase o curso Desenvolvemento de habilidades profesionais para o éxito académico e laboral, “un programa formativo, deseñado para reforzar aquelas competencias transversais que resultan fundamentais tanto na etapa universitaria como na futura traxectoria profesional do noso alumnado”, tal e como indican desde o centro. En catro sesións ao longo deste mes, na actividade abordaranse “cuestións clave como a comunicación eficaz, o traballo en equipo, a xestión de conflitos, a negociación, o liderado e o benestar persoal, combinando sesións teóricas, talleres prácticos, dinámicas grupais e actividades participativas”.
Un ano máis, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra esta semana unha nova edición do seu seminario anual ou ‘joint seminar’ coa universidade Saarland University of Applied Sciences (HTW Saar), de Saarbrücken, Alemaña. Alumnado das dúas universidades comparten actividades académicas e lúdicas, desde visitas guiadas ata sesións en aula, tendo como eixe de traballo o turismo, concretamente os produtos turísticos rexionais.
A programación arrancou coa benvida este luns a cargo de Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Elena Rapoport Strizhevskaia, vicedecana de Relacións Internacionais e Innovación do centro. Sobre esta iniciativa destacaron a dilatada traxectoria de colaboración internacional coa HTW Saar e a importancia de que o alumnado da súa facultade, neste caso o do Grao de Turismo, participe activamente en iniciativas que lles permitan practicar idiomas, compartir experiencias e coñecementos con alumnado doutras universidades estranxeiras e coñecer como se enfoca a súa área de estudo noutros países. Pola parte alemá, o seminario está organizado como cada ano por Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) do campus de Ourense organizou este luns dúas actividades destinadas a potenciar a formación do seu alumnado en dous ámbitos moi diferentes. Por unha banda, celebrou unha mesa redonda sobre a igualdade salarial, centrándose nos avances, retos e propostas desde a representación sindical, e por outra realizou un encontro-café con Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, no que se abordou a situación do sector turístico ourensán e o Camiño de Santiago.
Con motivo do Día Internacional da Igualdade Salarial o 18 de setembro, o centro organizou tamén este luns a mesa redonda A igualdade salarial: avances, retos e propostas desde a representación sindical. A actividade reuniu a alumnado e público interesado para “reflexionar sobre unha cuestión que continúa a ser un dos principais desafíos en materia de igualdade no ámbito laboral”. Na apertura da sesión, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, salientou a necesidade de ante esta problemática, “pasar da teoría aos feitos”. Pola súa banda, a moderadora da mesa e profesora do centro Isabel Diéguez, docente da Área de Organización de Empresas e Recursos Humanos, destacou a importancia de que as e os futuros profesionais en dirección de empresas e xestión de persoas que es forman na Fcetou adquiran “unha visión crítica e comprometida coa igualdade retributiva” a través de iniciativas como a celebrada este luns.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense arrancou este mércores unha nova edición dos seus Professional Brunch, un espazo de encontro onde o alumnado pode coñecer de primeira man experiencias profesionais de interese para a súa formación e interactuar cos seus responsables. Nesta ocasión Justo Sierra, presidente e conselleiro delegado de URO Vehículos Especiales S.A. (Urovesa), ofreceu unha intervención na que afondou, a partir da experiencia da súa empresa, no papel estratéxico do sector da seguridade e a defensa e o seu impacto no desenvolvemento económico e social.
A iniciativa contou coa colaboración do Colexio de Economistas de Ourense, e arrancou coas intervencións da súa presidenta, Carmen Sampaio, e do decano da facultade organizadora, Jesús Vázquez. Desde a organización da actividade salientaron a oportunidade que ofrece ao alumnado este tipo de actividades, que lles permiten coñecer de primeira man grandes empresas e persoal directivo delas e interactuar directamente con eles, contribuíndo así a diferentes facianas da súa formación como futuros profesionais. Á cita asistiu principalmente alumnado dos diferentes graos do centro, onde se imparte Administración e Dirección de Empresas e Turismo e programas conxuntos, como ADE-Dereito.
- O 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia aflora a investigación que se realiza para aproveitar mellor as augas mineromedicinais
- Ourense será os días 22 e 23 de setembro referente internacional no estudo da balneoterapia
- O campus acolle este venres unha conferencia de José Manuel Rodríguez Uribes, secretario de Estado para o Deporte
- Alumnado dunha decena de centros dos tres campus formarase para identificar e comprender as violencias machistas no contexto universitario