A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (Fcetou) do campus de Ourense organizou este luns dúas actividades destinadas a potenciar a formación do seu alumnado en dous ámbitos moi diferentes. Por unha banda, celebrou unha mesa redonda sobre a igualdade salarial, centrándose nos avances, retos e propostas desde a representación sindical, e por outra realizou un encontro-café con Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, no que se abordou a situación do sector turístico ourensán e o Camiño de Santiago.
Con motivo do Día Internacional da Igualdade Salarial o 18 de setembro, o centro organizou tamén este luns a mesa redonda A igualdade salarial: avances, retos e propostas desde a representación sindical. A actividade reuniu a alumnado e público interesado para “reflexionar sobre unha cuestión que continúa a ser un dos principais desafíos en materia de igualdade no ámbito laboral”. Na apertura da sesión, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, salientou a necesidade de ante esta problemática, “pasar da teoría aos feitos”. Pola súa banda, a moderadora da mesa e profesora do centro Isabel Diéguez, docente da Área de Organización de Empresas e Recursos Humanos, destacou a importancia de que as e os futuros profesionais en dirección de empresas e xestión de persoas que es forman na Fcetou adquiran “unha visión crítica e comprometida coa igualdade retributiva” a través de iniciativas como a celebrada este luns.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense arrancou este mércores unha nova edición dos seus Professional Brunch, un espazo de encontro onde o alumnado pode coñecer de primeira man experiencias profesionais de interese para a súa formación e interactuar cos seus responsables. Nesta ocasión Justo Sierra, presidente e conselleiro delegado de URO Vehículos Especiales S.A. (Urovesa), ofreceu unha intervención na que afondou, a partir da experiencia da súa empresa, no papel estratéxico do sector da seguridade e a defensa e o seu impacto no desenvolvemento económico e social.
A iniciativa contou coa colaboración do Colexio de Economistas de Ourense, e arrancou coas intervencións da súa presidenta, Carmen Sampaio, e do decano da facultade organizadora, Jesús Vázquez. Desde a organización da actividade salientaron a oportunidade que ofrece ao alumnado este tipo de actividades, que lles permiten coñecer de primeira man grandes empresas e persoal directivo delas e interactuar directamente con eles, contribuíndo así a diferentes facianas da súa formación como futuros profesionais. Á cita asistiu principalmente alumnado dos diferentes graos do centro, onde se imparte Administración e Dirección de Empresas e Turismo e programas conxuntos, como ADE-Dereito.
Un cento de asistentes, 67 traballos científicos realizados por arredor de 150 especialistas de diferentes países e a implicación dun amplo abano de entidades relacionadas co sector. Con estas cifras de fondo, este martes e mércores a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Nel apóstase por avanzar cara “un mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais” visibilizando o traballo investigador que se fai arredor deste sector e no que a Universidade de Vigo ten un papel destacado.
O A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia , que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Con arredor dun centenar de asistentes, no evento presentaranse arredor de 70 traballos científicos.
O principal obxectivo do congreso, organizado en colaboración con Ágora Termal, é “ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais”. Colaboran na iniciativa, ademais da Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
- O campus acolle este venres unha conferencia de José Manuel Rodríguez Uribes, secretario de Estado para o Deporte
- Alumnado dunha decena de centros dos tres campus formarase para identificar e comprender as violencias machistas no contexto universitario
- O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da UVigo sitúase no top 12 dos mellores posgraos do mundo no seu ámbito
- A UVigo participa nun proxecto europeo que busca adaptar a formación en contabilidade aos novos retos de sostibilidade e transparencia