Este xoves arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense a celebración do XVII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (Sgapeio). A cita reúne a arredor de 130 profesionais co obxectivo de contribuír á divulgación dos avances na teoría, nas aplicacións e na didáctica destas disciplinas das matemáticas.
O congreso, que se prolongará ata o sábado, foi inaugurado por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Rosendo Fernández, deputado provincial; César Andrés Sánchez, presidente de Sgapeio, e Ana Pérez, co-presidenta do comité organizador do evento. Nas súas intervencións puxeron en valor a importancia da estatística e da investigación de operacións nos diferentes eidos profesionais, desde o académico e o económico ata o sanitario e agrario, e a importancia de contar con foros coma este congreso para o intercambio de coñecementos e inquedanzas.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da conferencia Terras Gauda: un caso de éxito na transición xeracional. Foi ofrecida por Antón Fonseca, CEO e vicepresidente do Grupo Terras Gauda, e presidente do Fórum Familiar da Asociación Galega de Empresa Familiar. O convidado explicou en detalle ao alumnado presente as características e traxectoria do seu grupo bodegueiro e a súa xestión como empresa familiar. O acto estivo organizado desde Ecobas e a Cátedra de Empresa Familiar da UVigo e contou coa participación na apertura de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Elena Rivo, profesora deste centro e directora da citada cátedra. Tendo en conta a relevancia da empresa familiar no contexto económico galego, a sesión tivo como obxectivo que o alumnado puidese coñecer un dos seus casos de éxito en primeira persoa, achegándose, entre outros, a un dos seus elementos máis críticos, a sucesión ou continuidade.
Sensibilizar e capacitar ao estudantado da Universidade de Vigo para identificar e comprender as violencias machistas no contexto universitario, con especial atención ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo é un dos dous obxectivos do proxecto piloto Voces de cambio que arrancará no mes de setembro co inicio do novo curso. A segunda das súas finalidades é, como explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez, “dotar ás persoas participantes de ferramentas prácticas para actuar como axentes de cambio, promovendo actuacións preventivas, de apoio e derivación axeitada en situacións de violencia machista, tanto presenciais como en contornas dixitais”.
Unha decena de centros dos tres campus da UVigo: as facultades de Historia; Educación e Traballo Social e de CC Empresariais e Turismo de Ourense; Fisioterapia en Pontevedra e de CC Económicas, CC do Mar e CC Xurídicas e do Traballo, ademais das escolas de Telecomunicación e Enfermaría de Povisa e do Meixoeiro de Vigo, participarán nesta iniciativa, que se desenvolverá entre o 8 de setembro e o 31 de outubro.
Entre as entidades coas que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense conta cunha dilatada traxectoria de colaboración desde hai máis dunha década está Riu Hotels&Resorts. Cada curso académico, catro ou cinco dos seus estudantes de grao son seleccionados para participar no plan de carreira que ten a cadea hoteleira para captar e formar aos seus cargos de dirección. Así, na actualidade arredor dunha trintena dos seus directivos e directivas no Caribe foron formados na facultade ourensá. Nas vindeiras semanas e ao abeiro deste programa, catro estudantes de Administración e Dirección de Empresas deste centro incorporaranse en prácticas a hoteis de Xamaica e México.
O plan de carreira desta cadea, que conta con arredor dun centenar de hoteis nunha vintena de países, comeza coa realización por parte do estudantado de seis meses de prácticas remuneradas e continúa, pasando sucesivos filtros, coa súa contratación como subdirector ou subdirectora júnior. Comeza así unha traxectoria profesional que pode continuar logo cunha subdirección sénior e finalmente coa dirección hoteleira. Tralo proceso de formación en prácticas, indican desde a facultade, en arredor do 85% dos casos Riu proponlle ás e aos estudantes un contrato laboral como subdirectores júnior en Centroamérica.
- A FCETOU celebrou a Graduación 2025 cun emotivo acto no Edificio Politécnico
- Jesús Vázquez é elixido novo decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
- Alumnado de Empresariais e Turismo achégase á evolución da sociedade española a través da publicidade
- Unhas xornadas afondarán na investigación multidisciplinar no eido do termalismo