A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da xornada de transferencia Análise de mecanismos temporais de regulación de emprego. A sostibilidade empresarial como obxectivo. A actividade tivo como obxectivo achegar ao alumnado do centro e da Facultade de Dereito o papel dos ERTE como instrumento "non só para garantir o emprego das persoas traballadoras senón tamén para que as empresas que se atopan nunha mala situación sobrevida por causas non imputables ao seu propio comportamento, poidan seguir operando e logo retomar novamente o seu funcionamiento normal".
A actividade, coordinada polas profesoras María Montserrat Cruz e Elena Rivo coa colaboración de Alberto Vaquero, enmárcase na programación do proxecto Adaptación e mantemento de emprego no novo ecosistema produtivo, liderado polo catedrático da UVigo Jaime Cabeza. Está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación para o período 2022-2025 e conta coa participación de especialistas de Dereito do Traballo e a Seguridade Social e a colaboración de persoal investigador dos departamentos de Organización de Empresas e Márketing e Economía Aplicada, entre eles María Montserrat Cruz e Alberto Vaquero. Esta multidisciplinariedade permite que unha das liñas de investigación que se desenvolve ao seu abeiro sexa unha triple aproximación (xurídica/empresarial e económica) á temática elixida.
Alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense participa no proxecto ACD_Mar, Laboratorio para o fomento da accesibilidade e inclusión de persoas con discapacidade na promoción do patrimonio cultural marítimo pesqueiro. Trátase dunha iniciativa posta en marcha por Fundamar, a Asociación Amicos e a Universidade da Coruña co obxectivo de fomentar a promoción dunha cultura accesible e inclusiva, na que se involucren activamente os e as futuras profesionais do sector turístico (neste caso alumnado do Grao de Turismo da Universidade de Vigo), o sector pesqueiro e marítimo e persoas con discapacidade.
Ao abeiro da iniciativa, membros do equipo do proxecto ofreceron unha charla na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo a un grupo de alumnas e alumnos coordinado pola catedrática da UVigo e profesora deste centro Elisa Alén. Nela presentaron os retos e oportunidades aos que debe facer fronte a promoción do patrimonio cultural pesquerio en materia de inclusión e accesibilidade. Posteriormente, o alumnado ourensá realizou unha visita formativa ao porto de Vigo para coñecer de primeira man o sector. Esta fase de ACD_Mar está dirixida a pór en contacto aos actores que participarán no proxecto para desembocar en encontros entre estudantes e profesionais con persoas con discapacidade nos que se identifiquen os retos e solucións en materia de accesibilidade e inclusión na temática elixida. Este é o primeiro paso para a implementación dun laboratorio para estudar e deseñar solucións de accesibilidade que xiren en torno a servizos culturais adaptados a todas as persoas, con independencia das súas capacidades físicas ou cognitivas, que poidan ser implantadas con éxito en entidades de economía social.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo arrancou este martes a súa programación aberta ao público deste curso académico 2024/2025. Fíxoo cunha conferencia titulada A xestión na empresa familiar: a visión dun executivo non familiar, ofrecida por Carlos Rivo López, director comercial de UNVI (Grupo Pérez Rumbao). O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, contando coa colaboración da Asociación Galega de Empresa Familiar (entidade que apoia a citada cátedra da UVigo) e coa asistencia de alumnado deste centro.
A conferencia foi presentada por Montserrat Cruz, decana da facultade anfitrioa, que destacou na súa apertura a dilatada traxectoria do convidado en diferentes empresas. Na súa conferencia, Carlos Rivo quixo “non tanto dar información teórica sobre a empresa familiar senón o meu punto de vista sobre ela, en base á miña experiencia de empregado en empresas familiares e en empresas non familiares”. Así, ao longo da súa intervención analizou diferentes perspectivas que unhas e outras teñen sobre diversos aspectos, desde a organización ata as expectativas de crecemento, co obxectivo de que a alumnado presente tivese “unhas pautas que lles permitan ter unha visión máis axustada á realidade da empresa familiar”.
O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, arrancou este curso académico 2024/2025 sumando bos resultados. Por unha banda, acadou un ano máis estar no “top-ten” europeo dos mellores posgraos da súa área e por outra continúa a afianzar a súa faciana internacional, acollendo este ano estudantes de once nacionalidades.
No ránking SportBusiness de 2024, feito público recentemente, este mestrado sitúase sétimo de Europa e 25 do mundo. Sobre este resultado, Patricio Sánchez, coordinador do título, sinala que “supón toda una alegría (e unha responsabilidade) que un posgrao como o noso se posicione nun ránking tan prestixioso, ao carón de universidades internacionais de referencia no ámbito da xestión deportiva”. SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. Así, o SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade.
- Unha conferencia afonda nas estratexias de márketing adaptadas ao emprendemento
- A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrou o Día da Educación Financeira
- O Centro de Estudos Financieros premia un traballo sobre o emprendemento sostible e equitativo
- Unha vintena de estudantes de Turismo de Ourense e Alemaña participan nun seminario internacional no campus