O alumnado dos últimos cursos dos graos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense tivo este xoves a oportunidade de participar na feira de emprego Encontro con Empresas. Nela, ademais dos habituais postos informativos existentes neste tipo de iniciativas, houbo unha zona de entrevistas na que varias empresas con presencia no mercado estatal e internacional buscaron captar talento.
A actividade enmárcase no proxecto Encuentros con Empresas, unha iniciativa de Tour del Empleo na que participan escolas e facultades estatais. Sobre a decisión de acoller por primeira vez esta iniciativa, Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, apuntou o forte compromiso do seu centro co fomento da empregabilidade do seu alumnado non só ofrecéndolle unha formación de calidade senón tamén abríndolle de xeito específico ventás ao mercado laboral como este encontro. “Neste evento participan empresas que ata o momento non viñan á nosa facultade a captar alumnado, empresas moi importante nos seus respectivos sectores, con expansión estatal e/ou internacional, e polo tanto estamos moi satisfeitos coa súa celebración”, comentou.