O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur), en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), ambos os dous da Universidade de Santiago de Compostela, entregaron no Museo das Peregrinacións e de Santiago os premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) e Traballos de Fin de Máster (TFM) no ámbito do turismo. Os galardoados do curso académico 2023-24 son os traballo realizados no campus de Ourense por Miguel Peña, Iago Barreiro e Santiago Pérez sobre o potencial do oleoturismo en Galicia e sobre Ourense Termal.
A iniciativa naceu coa finalidade de recoñecer traballos académicos universitarios realizados en Galicia que contribúan á análise, comprensión e reflexión sobre a actividade turística, os seus retos e as súas transformacións. Nesta primeira edición, e no que respecta aos traballos defendidos no curso académico 2023-24, o gañador do premio ao mellor TFG foi Miguel Peña por O potencial do oleoturismo en Galicia, presentado no Programa Conxunto do Grao en Turismo e Xeografía e Historia da UVigo. Así mesmo, concedeuse un accésit a Iago Barreiro e Santiago Pérez polo traballo Desenvolvemento e validación dunha ferramenta para a avaliación da rendabilidade social en proxectos turísticos: aplicación ao destino Ourense Termal, realizado no Grao en Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.