Como acontece cada curso académico por estas datas, desde este luns e ata o venres a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra unha nova edición do seu Joint Seminar coa universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes (HTW Saar), de Saarbrücken. Este ano, participan na actividade unha decena de estudantes de Turismo Internacional alemáns e outra decena do Grao de Turismo que se imparte nesta facultade da Universidade de Vigo.
Tendo como lingua de comunicación o inglés, ao longo da semana as e os estudantes das dúas institucións abordarán diferentes aspectos relacionadas coa xestión cultural e o turismo, dedicando especial atención aos produtos rexionais neste eido, e traballarán en pequenos grupos mixtos diferentes propostas. Tampouco faltarán, tendo en conta a temática do seminario, as actividades turísticas para coñecer de primeira man enclaves destacados neste eido, como Santiago de Compostela e en Ourense as termas e Ribadavia. Por último, outro aspecto importante da programación será a convivencia, incidindo con diversidade de actividades no coñecemento das diferentes linguas, culturas e realidades académicas das e dos participantes.
Máis dunha década de relación
María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, explica que o seminario forma parte das iniciativas de internacionalización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, que perseguen que o seu alumnado estea cada vez máis exposto ao traballo noutras linguas e con outras realidades socioculturais que melloren a súa formación. “Para nós e para o noso alumnado, este seminario con Saarbrücken é unha experiencia fantástica”, afirma. Entre os aspectos máis positivos desta edición apunta que o alumnado do Grao de Turismo de Ourense que se apuntou para participar é principalmente de primeiro curso o que, sinalou, “é unha mostra de que comezan a estudar con moita forza”.
A delegación alemá está formada por dez estudantes, un dos cales procede da Université de Metz, coa que a universidade alemá ten un dobre grao no eido do turismo. Os beneficios que ten para este alumnado participar nesta convivencia internacional tamén son salientados por Kerstin Heuwinkel, profesora da HTW Saar coordinadora da iniciativa pola parte alemá. A docente sinala a súa satisfacción por acadar celebrar unha nova edición deste seminario conxunto, lembrando como foi xa hai 16 anos a primeira vez que participou nunha actividade deste tipo entre as dúas institucións académicas. Ademais do intercambio cultural e lingüístico, a docente apunta a oportunidade que dá esta cita ao alumnado de Turismo Internacional do seu país que participa nela de “achegarse a outro turismo diferente ao máis coñecido cando falamos de España”.
Complementando esta relación coa HTW Saar, habitualmente cara o mes de xuño, alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus viaxa á universidade alemá para repetir a experiencia deste seminario internacional alí.