Este martes presentouse en Madrid o libro Centenario del Turismo Español, unha publicación que reúne 55 especialistas de 25 universidades españolas e das diferentes comunidades autónomas para ofrecer un exhaustivo repaso pola historia deste sector. Entre elas e eles, está un equipo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense formado por cinco profesoras e profesores, como son Montserrat Cruz, Francisco Javier Sánchez, Antonio Fraiz, Noelia Araújo e Diego Rodríguez.
A publicación, un proxecto desenvolvido pola plataforma Nexotur, “quere recoller os aspectos máis importantes do turismo en España, en todas e cada unha das súas vertentes, co fin de conmemorar o centenario do turismo en España”, explica Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus. Trátase, indica o equipo da UVigo, dun traballo que se realizou durante algo máis dun ano e no que investigadoras e investigadores de todas as áreas turísticas realizaron as súas achegas científico-técnicas. Entre elas destacan capítulos sobre hostalaría e aloxamento, distribución de viaxes, modos de transporte, destinos e administracións, infraestruturas turísticas, grupos e asociacións e outros segmentos turísticos.
Do pasado ao presente
O catedrático José Antonio Fraiz, a profesora Noelia Araújo e o profesor Diego Rodriguez Toubes foron os encargados de elaborar o capítulo Hotelería Termal e Balnearios. Nel realizan “un percorrido pola historia dos aloxamentos termais e como teñen evolucionado ata converterse na actualidade nunha hostalaría moderna, actual e internacional”. Pola súa banda, Francisco Javier Sánchez e Montserrat Cruz encargáronse do capítulo titulado Hotelería Temática, no que fan unha análise evolutiva da hostalaría temática desde finais do século XX, cos “hoteis boutique”, ata os actuais hoteis temáticos centrados “en experiencias cada vez más individualizadas”.
No acto celebrado este martes, aos autores e autoras do libro entregóuselle unha medalla do Centenario do Turismo Español en agradecemento ao traballo realizado, asistindo o grupo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo implicado na iniciativa. A súa participación nela é froito dunha dilatada traxectoria deste profesorado no eido da docencia e a investigación no ámbito do turismo, pois na citada facultade ourensá impártense, entre outras titulacións, o Grao en Turismo, o dobre grao en Turismo e Historia e o Mestrado en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde.