O Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, arrancou este curso académico 2024/2025 sumando bos resultados. Por unha banda, acadou un ano máis estar no “top-ten” europeo dos mellores posgraos da súa área e por outra continúa a afianzar a súa faciana internacional, acollendo este ano estudantes de once nacionalidades.
No ránking SportBusiness de 2024, feito público recentemente, este mestrado sitúase sétimo de Europa e 25 do mundo. Sobre este resultado, Patricio Sánchez, coordinador do título, sinala que “supón toda una alegría (e unha responsabilidade) que un posgrao como o noso se posicione nun ránking tan prestixioso, ao carón de universidades internacionais de referencia no ámbito da xestión deportiva”. SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. Así, o SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade.
Traballo colectivo
Este bo posicionamento no ránking, comenta Patricio Sánchez, “é resultado do esforzo e traballo colectivo de moita xente á que non queremos deixar pasar a ocasión de dar as nosas máis expresivas grazas. Profesorado e alumnado son a base do noso traballo e compromiso”. Este traballo colectivo, indica, ten permitido ao mestrado, chegar este curso á edición número 14 cubrindo todas as súas prazas (25) e seguindo aumentando o seu carácter internacional. Así, este curso académico conta con alumnado de, ademais de España, de Brasil, Cuba, Alxeria, Arxentina, Venezuela, Perú, Uruguai, Portugal, Reino Unido e Colombia.
En relación a esta internacionalización, apunta que algo distintivo deste mestrado é que é integramente presencial, “o que implica que todos estes estudantes veñen a Ourense dende os seus lugares de orixe, pasando un curso aquí”. Esta internacionalización é crecente ano a ano, sinalando Patricio Sánchez que “o noso espectro é cada vez máis amplo, podendo dicir que Iberoamérica xa está practicamente cuberta e o norte de África tamén” ao longo destas 14 edicións do mestrado. O grande reto aquí, engade o docente, “é conseguir facer unha oferta en inglés, que nos posibilitaría achegarnos a un público moito máis amplo”.
Se é diversa a procedencia do alumnado igualmente o é o seu perfil. “Unha característica da que nos sentimos moi orgullosos é que o perfil académico do noso alumnado é cada vez máis heteroxéneo e, polas características propias do deporte, cada vez achégasenos máis xente do mundo do dereito, da educación ou da psicoloxía, tendo este ano incluso un xornalista. Iso si, veñan de onde veñan, a todos lles caracteriza unha ilusión, mesmo paixón, polo deporte, que é o que fai de nexo de unión”, afirma Patricio Sánchez.
Acorde con este interese crecente de diferentes colectivos polo mundo da xestión deportiva, o curso pasado o mestrado empezou a ofrecer conferencias e relatorios abertos ao resto da comunidade universitaria e cidadanía. “Foi unha boa experiencia, na que queremos afondar para consolidar aínda máis os lazos co tecido deportivo e co resto de institucións”, comenta Patricio Sánchez. No marco desta programación, a finais deste mes o mestrado contará coa presencia de Antonio Silva, presidente de European Aquatics, “a federación europea dun deporte tan importante e practicado como é a natación”, e o vindeiro ano agardan facer unha segunda edición dun curso en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública.