O campus de Ourense uniuse este xoves e venres á conmemoración 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa celebración de varias conferencias e gardando un minuto de silencio. As actividades, que contaron co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo e da Vicerreitoría do Campus de Ourense, tiveron lugar no edificio Xurídico-Empresarial.
A programación deste venres arrancou gardando un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero no que participaron membros da comunidade universitaria e tamén asistentes á Conferencia Española de Decanas y Decanos de Economía y Empresa (Confede), que estes días se celebra na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. No acto participaron, entre outros Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; os decanos e decanas da facultades de Dereito, Historia, Educación e Traballo Social e Ciencias Empresariais e Turismo (Susana Álvarez, Julio Prada, Xosé Manuel Cid e Montserrat Cruz) e o director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández.
De seguido arrancou na Facultade de Dereito a celebración da I Xornada Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Na súa inauguración, o vicerreitor expresou o seu desexo de que algún día “superemos este problema” e sexa un tema do pasado que se teña só que abordar nas facultades de Historia, “o que indicará a nosa madurez como sociedade”. O responsable académico sinalou que esta violencia “é un problema non só das mulleres senón do conxunto da sociedade actual”, recalcando a importancia da educación e do “traballo e compromiso inquebrantable de todas as persoas” para eliminala. Pola súa banda, Susana Álvarez subliñou a necesidade de sensibilizar e combater a violencia contra as mulleres e de reivindicar en días como o 25 N as medidas precisas en todo os eidos, desde o educativo e o político ata o social e o xurídico, que permitan a prevención e a eliminación desta violencia “en todas as súas formas e manifestacións, que son moitas e moi variadas”.
Explotación sexual e lexitimación da violencia
A actividade contou con dúas conferencias. A primeira foi A trata das mulleres como expresión da violencia de xénero: a resposta do dereito internacional, e foi ofrecida por Susana Sanz, xuíza ad hoc do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e catedrática de Dereito Internacional Público da Universidad CEU Cardenal Herrera de Valencia. A súa intervención arrancou expondo as dramáticas cifras que se manexan neste eido e que indican que o negocio da trata só para explotación sexual move arredor de 99.000 millóns de dólares anuais no mundo, sendo só superado polo das armas. Igualmente sinalou que a cifra de vítimas identificadas de trata ascende aos 2,5 millóns e que se estima que hai 20 vítimas ocultas por cada unha identifica. A pesar destes datos, a relatora subliñou que este tema “vese como un delito de segunda” que “pasa case por invisible” a pesar de “ocorrer todos os días e convivir con nós”, polo que recalcou a importancia de abordalo en foros como o celebrado este venres en Ourense. A segunda conferencia da xornada, titulada Comprender o incomprensible: as fontes da lexitimación da violencia sexual, foi impartida por Ana de Miguel Álvarez, profesora de Filosofía Moral e Política da Universidad Rey Juan Carlos, e nela dedicou especial atención a esta lexitimación no colectivo adolescente.
Esta xornada deu continuidade á celebrada este xoves pola tarde no mesmo edificio pero na Facultade de Relacións Internacionais. Neste caso, a actividade tivo como finalidade concienciar e sensibilizar sobre as formas máis extremas de violencia sexual contra as nenas e mulleres. As e os especialistas convidados analizaron, dende o pensamento crítico, “como o sistema patriarcal atravesado pola desigualdade entre mulleres e homes materializa a cousificación dos corpos das mulleres, permitindo que estas sexan convertidas en mercadoría dentro da poderosa industria capitalista de explotación sexual”. Rosa Cobo, da Universidade da Coruña, falou de explotación sexual e capitalismo neoliberal e Jorge García Marín, da Universidade de Santiago de Compostela, de novas masculinidades e a construción da identidade masculina afastada do modelo de masculinidades violentas e tóxicas. Por último María Lameiras, catedrática da Universidade de Vigo e coordinadora desta xornada, ofreceu a conferencia As violencias sexuais contra as mulleres: radiografía internacional.