Constrúe o teu soño ou serás contratado para cumprir o doutros. Con este título e esta mensaxe de fondo, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este xoves unha xornada que tivo como obxectivo informar e motivar ao alumnado para que considere o emprendemento como unha posible vía de desenvolvemento profesional. A cita estivo organizada pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e a Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo.
Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Natalia Caparrini, Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, foron as encargadas de dar a benvida á xornada ao alumnado presente. Nas súas palabras, Montserrat Cruz salientou como emprender é “unha realidade” e “unha posibilidade” que o alumnado ten que considerar á hora de deseñar o seu futuro profesional. Pola súa banda, Natalia Caparrini lembrou como esta xornada xorde tendo en conta como “un dos noso obxectivos como Universidade é incorporar aos nosos egresados e egresadas ao mundo laboral”. Entre as opcións que teñen para esa incorporación, a vicerreitora apuntou que non só está traballar por conta allea e o emprego público senón tamén o emprendemento. “É unha saída profesional como outra calquera”, afirmou Caparrini, que destacou como os potenciais emprendedores e emprendedoras “teñen axudas, teñen xente que lles pode apoiar, formar… teñen respaldo en xeral e teñen respaldo tamén nesta Universidade”.