Estudantado da UVigo opina do PCEO ADE-Dereito | video 2

A configuración dos novos graos universitarios que contan cunha menor duración e cunha estrutura académica máis flexible que as vellas Licenciaturas, facilitan o que ata non fai moito tempo era practicamente impensable. Que un estudante poida simultanear estudos de dúas carreiras e conseguir ambos títulos en apenas cinco ou seis anos, contando cun profundo coñecemento tanto de ADE coma de Dereito.

Un dos sectores académicos e profesionais onde máis conexións existen e onde máis frutífera pode ser esta simultaneidade de estudos é o triángulo delimitado polos ámbitos xurídico, empresarial e económico. De feito, en España, a simultaneidade de estudos ADE–Dereito e un dos programas máis demandados por parte do estudantado universitario.

Así, á vista da gran demanda existente, e tratando de aproveitar e de aprender da experiencia doutras universidades, e tendo como obxectivo principal o de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible, desde o curso 2014/2015 un/unha estudante pode cursar de forma simultánea os estudos de Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) e Grao en Dereito no campus de Ourense e conseguir ambos títulos en cinco anos.

Normativa específica do título

 

Guía rápida do título

O dobre grao en Administración e Dirección de Empresas e Dereito permite que o alumando obteña un perfil profesional de gran proxección no mercado laboral ao capacitalo en dúas disciplinas complementarias e que ao mesmo tempo son cada vez máis demandadas nesta sociedade tanto no sector público coma privado. Co dobre grao ADE – Dereito, os titulados poderán beneficiarse das vantaxes das dúas carreiras, contando cun perfil profesional máis versátil, que lles permitirá multiplicar as saídas laborais relacionadas coa xestión empresarial ou co desempeño do dereito, e a converterse en profesionais preparados e polivalentes aos ollos de empresas e institucións.

Os coñecementos adquiridos nas materias relacionadas co dereito, permitirán que os alumnos podan chegar a ser avogados, xuíces, ou fiscais polo que ó rematar os seus estudos estarán capacitados para aplicar e interpretar a lexislación vixente, así como para representar e defender ós cidadáns ante os conflitos que se lles formulen. Pola súa banda, as materias relacionadas con ADE, permitirán que o alumnado adquira os coñecementos relacionados coa área económica e empresarial, sendo capaces de dirixir, organizar e xestionar, así coma de crear empresas e asesorar ós emprendedores na posta en marcha das súas empresas.

 

O obxectivo deste grao é o de formar persoas coñecedoras da empresa como realidade social e económica, que sexan capaces de desempeñar labores de xestión, asesoramento e avaliación nas organizacións e que conten coas habilidades necesarias para desenvolver eses labores no ámbito global da organización ou en calquera das súas áreas funcionais.Ademais, dado que o sector empresarial e o mundo xurídico son inseparables a simultaneidade ADE – Dereito pretende abrir ao alumnado un amplo rango de posibilidades de inserción laboral.

 

Este dobre grao ADE – Dereito está orientado a todas aquelas persoas interesadas pola economía e a empresa, que teñan iniciativa e espírito de liderado para crear e xestionar negocios xeradores de emprego, con capacidade para integrar e dirixir equipos e para a toma de decisións, e co dinamismo necesario para enfrontarse aos problemas da sociedade actual e para propor solucións. Ademais, este grao está pensado para todas aquelas persoas que teñan unha clara vocación empresarial, onde unha única titulación non é suficiente senón que é de vital importancia demostrar competencias.

Os estudantes recibirán a formación, os coñecementos e as metodoloxías necesarias en ambos campos. Así, formaranse profesionais capaces de realizar labores de xestión, asesoramento e avaliación nas organizacións produtivas que poderán ser desenvolvidas no ámbito global da organización ou en calquera das áreas funcionais: produción, recursos humanos, finanzas, comercialización, inversión, administración ou contabilidade. E por outro lado proporciona unha formación xurídica básica que engloba tanto os coñecementos teóricos sobre a lexislación como as ferramentas metodolóxicas necesarias para poder interpretala e aplicala.

 

O triángulo delimitado polos ámbitos xurídico, empresarial e económico é un dos sectores académicos e profesionais onde máis conexións existen e onde máis frutífera é a simultaneidade de estudos. Os novos estudantes que desexen optar polo programa conxunto ADE-Dereito poderán entrar no mercado laboral ou profesional coa clara vantaxe competitiva que supón contar con ambos títulos. Así, este dobre grao permitirá sumar as saídas profesionaisdos graduados en dereito coas dos graduados en ADE o que lles aportará un valor engadido, xa que lles permitirá acceder tanto a alta dirección empresarial coma aos grandes despachos profesionais e aos corpos superiores da administración pública.