O Instituto de Termalismo da Universidade de Burdeos (UBX) e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (FCETOU) asinaron un acordo de cooperación mediante o cal os estudantes de 4° de Turismo da facultade poderán obter a especialización en Termalismo pola Universidade de Burdeos e á vez o Grao en Turismo pola Universidade de Vigo. Para iso, os estudantes da Universidade de Vigo deberán realizar o seu cuarto curso, incluídas as prácticas curriculares, no mencionado instituto.

A quen vai dirixido e cando se solicita?

O estudante debe solicitalo mentres está a cursar 3° de Turismo na FCETOU.

  • En novembro/decembro, deberá presentarse á convocatoria Erasmus solicitando a UBX como destino.
  • Será preseleccionado pola Universidade de Vigo e deberá seguir todos os procedementos de igual modo que se se tratase doutro destino Erasmus.

Cales son os requisitos académicos previos?

  • Ter superados os tres primeiros cursos do Grao en Turismo (180 créditos ECTS).
  • Ter un nivel mínimo de B2 en francés.

Cales son os criterios de selección?

Os estudantes serán seleccionados e admitidos no programa en base aos seus resultados académicos, á súa motivación e ás súas destrezas lingüísticas. Este proceso de selección levarase a cabo en colaboración entre as dúas institucións.

Cal é o idioma empregado nas distintas materias?

As materias impartiranse en francés.

Cales son os meus dereitos e obrigacións?

  • Durante o curso na UBX o alumno deberá cursar un total de 30 ECTS de materias, 18 ECTS de prácticas nunha institución termal en Francia e 12 ECTS do Traballo de Fin de Grao.
  • Durante o mesmo curso, o alumno deberá realizar o seu TFG en español baixo a supervisión dun titor da FCETOU.
  • O estudante deberá realizar as súas prácticas curriculares durante o período de intercambio en Francia. O convenio será emitido pola UBX e durante o proceso de prácticas o alumno será supervisado por un titor da Universidade de Vigo para o aspecto académico e outro da UBX para a relación coa empresa. A memoria de prácticas será redactada en español e avaliada pola Universidade de Vigo.
  • Os estudantes deberán realizar a matrícula do correspondente curso académico na Universidade de Vigo, como en cursos anteriores, pagando unicamente as taxas administrativas na UBX. É imprescindible facer o contrato de estudos ao longo do segundo semestre do terceiro curso.

Con quen debo de contactar en caso de dúbidas?

En caso de dúbidas, podes consultar o apartado de Preguntas Frecuentes. Se ademais desexas contactar con algún dos responsables, as persoas encargadas tanto dos aspectos académicos como de coordinación do programa son:

Beatriz González Sánchez
Vicedecana de relacións internacionais
internacional.fcetou@uvigo.gal

Sybille Dupuy
Responsable Cursus Licenses Professionnelles
sybille.dupuy@u-bordeaux.fr

 

➢ Cales son as datas exactas nas que finaliza e inicia o programa?
O programa inicia no mes de setembro, a partir do cal o alumno se rexerá segundo o calendario académico da UBX para as clases, os exames e as prácticas.

➢ Cales son as materias que terei que cursar no Instituto de Termalismo?
É obrigatorio cursar as seguintes materias na universidade francesa:

  • Xestión de establecementos de hidroterapia (12 ECTS)
    • Estratexia, mercadotecnia e desenvolvemento da responsabilidade social corporativa (RSC).
    • Xestión financeira, xestión de RRHH e xestión da relación cos clientes.
    • Ferramentas de xestión e prácticas profesionais.
  • Control e mantemento da auga (6 ECTS)
    • Tipos de auga e produtos derivados, xestión sanitaria.
    • Saúde e coidados, hixiene e calidade.
  • Competencias transversais (12 ECTS)
    • Inglés
    • Enfoque científico.
    • Personalización

*Esta oferta académica será susceptible de cambios se a universidade vese obrigada a eliminar algunha das materias que agora se imparten.

➢ Poderei recibir algún tipo de bolsa ou axuda durante este curso?
Ao estar matriculado na Universidade de Vigo, o estudante poderá solicitar a Bolsa MEC correspondente ao curso académico, como nos anos anteriores. Ademais, poderá solicitar a bolsa Erasmus + no mesmo curso académico.

➢ Podo irme de Erasmus en terceiro e solicitar este programa en cuarto?
Non, xa que a bolsa Erasmus + só será concedida por un máximo dun curso académico.

➢ Que pasa se teño materias pendentes, podo ir igual?
Non. Os alumnos deben ter superados os tres primeiros cursos para realizar o cuarto curso na UBX.

➢ Recibirei algún tipo de apoio á hora de buscar aloxamento?
A UBX ofrecerá ao estudante posibilidades de aloxamento, así como acceso a un comedor próximo ao instituto para a comida principal.