Conta coa participación da Universidade de Vigo e da Confederación Empresarial de Ourense
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración do primeiro encontro presencial do proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE’RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción). Nel, socios de Francia, Alemaña, Bélxica e España, entre os que están a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), buscan fomentar o emprendemento desde unha perspectiva de xénero.
O proxecto, explicou Elena Rivo, profesora que dirixe a participación da UVigo nel a través do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen), comezou en setembro de 2019 e finalizará en agosto de 2022, despois de ter que ser ampliado o seu prazo de execución debido á pandemia. A iniciativa conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus + para a educación e a formación profesional, e está dirixida a mulleres emprendedoras, con proxectos de menos de tres anos de actividade, ou mulleres cun proxecto de creación de empresa. Laura Movilla, directora da Área de Internacionalización da UVigo, destacou na benvida ás e aos participantes ao encontro como Women Entrepreneurs in Action WE’RE IN! é un proxecto internacional de cooperación educativa KA2 “especialmente interesante pois é moi práctico, ten que ver con cuestións de xénero e emprendemento, é moi creativo e chega a sectores da sociedade máis alá do ámbito educativo”. Así, afirmou que “é un exemplo de boas prácticas neste tipo de iniciativas”.