O campus de Ourense acolle este xoves e venres a celebración da reunión da Conferencia Española de Decanas y Decanos de Economía y Empresa (Confede), entidade reúne a máis de 70 centros oficiais autorizados que imparten ensinanzas universitarias de grao do ámbito da economía e a empresa en España. De xeito destacado, na cita conmemóranse os 25 anos da Confede, que ten como finalidade o fomento, a mellora e a coordinación dos estudos de economía e empresa nas distintas facultades mediante a creación de foros de debate e intercambio abertos a todas as universidades españolas onde se imparten.
A xuntanza reúne a un centenar de persoas procedentes de 60 das facultades da Confede e está organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo. Foi inaugurada por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia; Eugenio Luque, presidente da Conferencia Española de Decanas y Decanos de Economía y Empresa; María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, e Aníbal Pereira, concelleiro de Ourense. Nas súas intervencións destacaron a satisfacción por acoller este evento por primeira vez en Ourense, pondo en valor o feito de que coincide coa celebración dos 25 anos de existencia da Confede.
O vicerreitor deulle a benvida ás persoas asistentes a un campus, o de Ourense, que este curso académico celebra os seus 50 anos de existencia con arredor de 4800 estudantes repartidos en nove centros, entre eles, destacou, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Agradecendo a acollida, Eugenio Luque subliñou como a Confede aúna “as facultades máis numerosas de España”, con arredor de 200.000 estudantes e 12.000 docentes en total, amosando o seu desexo de que esta xuntanza en Ourense contribúa á súa mellora e a coller impulso. Pola súa banda, Judith Fernández recalcou a aposta do goberno galego coa educación e a cultura financeira non só no ámbito universitario senón tamén no conxunto da sociedade.
Temas de interese para o futuro
A programación arrancou este xoves no edificio Politécnico do campus de Ourense cun recoñecemento a anteriores presidentes da Confede, con motivo do seu 25 aniversario, e seguiu cunha mesa redonda na que estes expresidentes reflexionaron sobre a universidade na actualidade, para rematar cunha sesión de asuntos internos da entidade. Mañá venres, a programación continuará na aula magna da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo con diferentes mesas sobre o futuro dos estudos de economía, a internacionalización na universidade e o selo de excelencia dos graos no Sistema Universitario de Galicia (sobre o que falará José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia). Tamén haberá unha mesa de empregadores na que participarán representantes do sector económico, como a Confederación Empresarial de Ourense, Finsa, Edisa, Grupo Hotusa e Téxtil Lonia.
“Estas reunións realízanse periodicamente para recoller as sensibilidades das facultades de economía e empresa de toda España, tratando temas moi importantes para o noso futuro, como cambios de normativas. Permítennos ademais pór enriba da mesa as problemáticas que temos nos graos e ver como enfrontalas conxuntamente”, indicou a decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense.