A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo arrancou este martes a súa programación aberta ao público deste curso académico 2024/2025. Fíxoo cunha conferencia titulada A xestión na empresa familiar: a visión dun executivo non familiar, ofrecida por Carlos Rivo López, director comercial de UNVI (Grupo Pérez Rumbao). O acto tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, contando coa colaboración da Asociación Galega de Empresa Familiar (entidade que apoia a citada cátedra da UVigo) e coa asistencia de alumnado deste centro.
A conferencia foi presentada por Montserrat Cruz, decana da facultade anfitrioa, que destacou na súa apertura a dilatada traxectoria do convidado en diferentes empresas. Na súa conferencia, Carlos Rivo quixo “non tanto dar información teórica sobre a empresa familiar senón o meu punto de vista sobre ela, en base á miña experiencia de empregado en empresas familiares e en empresas non familiares”. Así, ao longo da súa intervención analizou diferentes perspectivas que unhas e outras teñen sobre diversos aspectos, desde a organización ata as expectativas de crecemento, co obxectivo de que a alumnado presente tivese “unhas pautas que lles permitan ter unha visión máis axustada á realidade da empresa familiar”.
O relator quixo aclarar que o concepto de empresa familiar non equivale “a un autónomo ou a unha pequena tenda”. Neste senso aclarou que “a empresa familiar tamén está formada por autónomos si, pero poden ser tamén grandísimas multinacionais, como é o caso de Inditex, empresas referentes no mundo que se estudan como as mellores empresas independentemente de se son familiares ou non”. Entre as vantaxes deste tipo de empresas, Carlos Rivo citou a súa perspectiva a longo prazo. Falando en termos xerais, detallou, “normalmente as empresas que non son familiares están máis enfocadas ao curto prazo, teñen máis presión dos mercados e dos investidores”. Porén, engadiu, “as familiares están máis protexidas neste senso, poden evitar mellor eses tsunamis ás veces provocados por factores externos e que afectan a como navega o barco da empresa”.
A conferencia celebrada este martes forma parte da programación da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, nada no ano 2005 e que ten entre os seus obxectivos a difusión, docencia e investigación da singularidade e retos das empresas familiares, tendo en conta a súa relevancia económica e a súa vinculación e compromiso coa contorna xeográfica e social.