O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a rede xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo destaca a “excelente saúde financeira” dos concellos fronte á crise provocada pola covid-19 e recomenda ampliar a suspensión das regras fiscais ata 2022.
Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o documento, que corresponde á nota número 16 do observatorio, céntrase no estudo das medidas fiscais e orzamentarias que teñen tomado os concellos galegos de maior poboación e as deputacións provinciais en Galicia polas repercusións económicas e sociais da pandemia. Está coordinado por Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ademais de membro do grupo Gen.