A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres o seu sexto informe, que leva por título A reforma inconclusa das competencias locais e no que se recolle que é fundamental avanzar na reforma da normativa autonómica e estatal. O documento foi presentado na sede da Xunta, en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa participación de Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local, e os codirectores da rede, Concepción Campos Acuña e Alberto Vaquero, este último profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
O informe enmárcase nas actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo, posta en marcha en 2022 coa Xunta de Galicia e co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Rede Localis. O documento presentado analiza a evolución das facendas locais en España tras unha década da Lei Estatal de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local e conclúe que se precisa unha reforma do financiamento local para garantir a suficiencia de recursos e autonomía financeira, así como a necesidade de modificar o sistema de financiamento autonómico e local. Nesta liña, o texto recolle que existe un problema de financiamento para exercer as competencias, agravado pola dispersión e envellecemento da poboación que encarece o custo da prestación de servizos.
Como medidas de cara ao futuro, o informe da Rede Localis sinala que é fundamental avanzar na normativa autonómica e estatal no ámbito local e implantar fórmulas innovadoras de colaboración entre concellos e de redimensión da planta local. Neste senso, apóstase polo reforzo do papel das deputacións, por un réxime xurídico para os pequenos municipios e pola transformación dixital destes concellos.
Reforma da futura Lei de Administración Local
En liña co documento presentado este venres, na súa intervención o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou que a Xunta está a traballar na reforma da futura Lei de Administración Local de Galicia (Lalga), que, segundo indican en nota de prensa desde a consellería, será un texto pioneiro que situará a Galicia á vangarda da normativa autonómica neste eido ao achegar ás entidades locais solucións para adaptalas á realidade e os retos do século XXI tras os cambios dos últimos 30 anos de vixencia da norma actual. Ademais do traballo de colaboración coa Rede Localis para avanzar neste texto, o Goberno galego, engaden, traballa noutras medidas de xeito paralelo, como un estudo coa Fundación Juana de Vega e as tres universidades galegas sobre a racionalización da planta local e o impulso de novos procesos municipais. Ademais sinalan que na comisión técnica constituída entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estanse a analizar os estudos previos de ambas institucións coa finalidade de chegar a acordos sobre a clarificación de competencias das administracións autonómica e local.
Desde o órgano autonómico indican que as conclusións de todos estes estudos e traballos sobre o marco xurídico local levados a cabo nos últimos anos tivéronse en conta na redacción do borrador da lei. Sobre a nova normativa, o conselleiro de Presidencia destacou que terá en conta as necesidades das zonas máis despoboadas, fomentará o teletraballo dos empregados públicos, apostará por entidades como as mancomunidades, incentivará os procesos de fusións municipais voluntarios e regulará o Fondo de Cooperación Local axudando aos concellos na súa autonomía financeira.