O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu último informe, titulado nesta ocasión A economía social como modelo de desenvolvemento para Galicia. Nel poñen en valor este sector destacando datos tales como que a contribución da economía social en Galicia sitúase arredor do 7% do PIB e que o cooperativismo achega o 4,5 % do PIB e unha facturación de 2.500 millóns de euros. O documento, elaborado por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e María Bastida, profesora da Universidade de Santiago, foi presentado nun acto que contou tamén coa participación de Santiago Lago, catedrático da UVigo e director do Foro Económico de Galicia, e Juan Gallastegui, secretario xeral de Cooperativas Lácteas Unidas.
Segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, os autores do documento recalcan nel “a necesidade de pór en valor a importancia da economía social en Galicia”. Esta economía, subliñan, “vai máis alo da mera maximización de beneficios, xa que establece unha serie de principios no seu funcionamento: solidariedade, a non discriminación e a democracia nos procesos de xestión e control, ocupando as persoas o eixo central da súa actividade”. Igualmente, destacan “o papel que pode desempeñar para mitigar os efectos económicos e sociais que provocou a covid-19” e acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas.
Os autores do traballo poñen de relevo nel que “os beneficios agardados da actuación das entidades da economía social merecen especial consideración, sobre a base da forte implicación co territorio no que se desenvolve”, apuntando o seu impacto na xeración de riqueza e emprego. Asemade, engaden, esta economía posibilita o reinvestimento dos beneficios xerados no territorio onde se desenvolve, permitindo un proceso de retroalimentación da iniciativa e “a supervivencia de actividades en risco de desaparición, algo de especial transcendencia na nosa comunidade autónoma en todo o relacionado co medio rural, que por falta de oportunidades e polo escaso atractivo para a poboación de menor idade, está sendo abandonado”. Neste contexto, afirman, “este coñecemento non pode quedar limitado a unha enumeración de vantaxes e accións potenciais” e apostan polo “empoderamento da economía Ssocial e a súa visibilidade para a sociedade, así coma no recoñecemento das oportunidades de mellora xeradas por este tipo de actividade”. A grande adaptabilidade deste sector, que, sinalan, “resistiu con éxito as últimas crises económicas, incluíndo a actual asociada á covid-19, converte á economía social nunha aposta de futuro por un espazo onde cada vez é máis necesario promover o autoemprego e camiñar cara un novo paradigma económico que combine crecemento e sostibilidade”.