A Hochschule Bremerhaven de Alemaña (HSBHV) e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (FCETOU) asinaron un acordo de cooperación interinstitucional, mediante o cal os estudantes de Administración e Dirección de Empresas da FCETOU poderán obter dúas titulacións: Bachelor of Arts in Business Administration pola Hochschule Bremerhaven e Grao en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo. Trátase dun acordo entre universidades co obxectivo de que os estudantes de ambas institucións, tras un período de intercambio no seu último ano de estudos, poidan obter o título académico oficial impartido por ambas institucións.

A quen vai dirixido e cando se solicita?

O estudante debe solicitalo mentres está a cursar 3º de ADE na FCETOU.

  • En novembro/decembro, deberá presentarse á convocatoria Erasmus solicitando a HSBHV como destino.
  • Será preseleccionado pola Universidade de Vigo e deberá seguir todos os procedementos de igual modo que se se tratase doutro destino Erasmus.

Cales son os requisitos académicos previos?

  • Ter superados os tres primeiros cursos do Grao en ADE (180 créditos ECTS).
  • Ter un nivel adecuado de inglés (non inferior a B2) e de alemán (non inferior a A1.2).

Cales son os criterios de selección?

Os estudantes serán seleccionados e admitidos no programa en base aos seus resultados académicos, á súa motivación e ás súas destrezas lingüísticas. Este proceso de selección levarase a cabo en colaboración entre as dúas institucións.

Cal é o idioma empregado nas distintas materias?

As materias impartiranse en inglés.

Cales son os meus dereitos e obrigacións?

  • O período de estudo a tempo completo non deberá de exceder de dous semestres (1 ano) durante o cal o alumno obterá un total de 60 créditos ECTS (incluídos os créditos do Traballo de Fin de Grao).
  • O alumno deberá realizar un único TFG, en lingua inglesa e tutorizado por ambas institucións (contando coa supervisión dun titor da HSBHV e outro da FCETOU).
  • Os estudantes deberán realizar a matrícula do correspondente curso académico na Universidade de Vigo, como en cursos anteriores, pagando unicamente as taxas administrativas na HSBHV. É imprescindible facer o contrato de estudos ao longo do segundo semestre do terceiro curso.

Con quen debo de contactar en caso de dúbidas?

En caso de dúbidas, podes consultar o apartado de Preguntas Frecuentes. Se ademais desexas contactar con algún dos responsables, as persoas encargadas tanto dos aspectos académicos como de coordinación do programa de dobre titulación internacional son:

Beatriz González Sánchez
Vicedecana de relacións internacionais
internacional.fcetou@uvigo.gal

Gerhard M. Feldmeier
Vicerreitor na Hochschule Bremerhaven
gfeldmeier@hs-bremerhaven.de

 

➢ Cales son as datas exactas nas que finaliza e inicia o programa?
O programa transcorrerá durante o cuarto curso e rexerase seguindo o calendario académico da HSBHV.

➢ Cales son as materias que poderei cursar na HSBHV?
As materias de carácter obrigatorio son as seguintes:

  • Human Resources Development (7,5 ECTS)
  • Change Management (7,5 ECTS)
  • International Management (7,5 ECTS)
  • Intercultural Management (7,5 ECTS)
  • International Business Communication (5 ECTS)
  • Trabajo de Fin de Grado (12 ECTS)

Ademais, o alumno deberá realizar unha selección das materias optativas:

  • English taught subjects out of General Studies (1-2 ECTS)
  • Maths & Statistics (6 ECTS)
    • Business Maths & Excel
    • Statistics & Statistical Software
  • Entrepreneurship Competencies (6 ECTS)
    • Innovation & Entrepreneurship in Tourism
    • Innovation & Entrepreneurship Project
  • Global Strategic Management (6 ECTS)
    • Strategy Development and Implementation
    • Change Management
    • CSR and Global Governance
  • Innovation and Entrepreneurship (6 ECTS)
    • Innovation Management
    • Entrepreneurship

*Esta oferta académica será susceptible de cambios se a universidade vese obrigada a eliminar algunha das materias que agora se imparten.

➢ Poderei recibir algún tipo de bolsa ou axuda durante este curso?
Ao estar matriculado na Universidade de Vigo, o estudante poderá solicitar a Bolsa MEC correspondente ao curso académico, como nos anos anteriores. Ademais, poderá solicitar a bolsa Erasmus + no mesmo curso académico.

➢ Podo irme de Erasmus en terceiro e solicitar este programa en cuarto?
Non, xa que a bolsa Erasmus + só será concedida por un máximo dun curso académico.

➢ Que pasa se teño materias pendentes, podo ir igual?
Non. Os alumnos deben ter superados os tres primeiros cursos para realizar o cuarto curso na HSBHV.

➢ Podo realizar prácticas durante o meu período de intercambio?
Si, os estudantes poderán levar a cabo prácticas dentro do período de intercambio de estudo, sen recoñecemento de créditos e sendo responsabilidade do estudante atopar un lugar para as prácticas.

➢ Cales son os meus dereitos como estudante durante a realización do programa?
Os estudantes da dobre titulación estarán suxeitos ás normas e regulamentos da HSBHV e terán os mesmos dereitos e privilexios dos que gozan os demais estudantes matriculados na mesma. Ademais, a HSBHV prestará asistencia na procura de aloxamento e axudará aos estudantes para que se integren na vida social e cultural.