Alumnado de Empresariais e Turismo afonda en Portugal no papel vertebrador do territorio que teñen as rutas por estrada

Alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acaba de participar en Portugal nun programa que lle permitiu, xunto con alumnado universitarios de dez nacionalidades, familiarizarse coas rutas de turismo por estrada e co seu impacto na vertebración de territorios.

A iniciativa é un Blended Intensive Program (BIP) financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+ e organizado pola Universidade de Coimbra (Portugal). Ademais da Universidade de Vigo tamén participaron a Maria Curie-Sklodowska University (Polonia); a University of Iceland (Islandia), a Alexandru Ioan Cuza University of Iasi (Romanía) e a Mid Sweden University (Suecia), xuntando alumnado en total de dez nacionalidades diferentes. Da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense estivo unha delegación formada por oito persoas, alumnas e alumnos de grao e doutoramento do centro e a catedrática Elisa Alén.

Segundo explica Elisa Alén os BIP son unha “especie de cursos de verán” amparados polo programa Erasmus+. Neste caso, detalla, o tema elixido foi Rutas de turismo por estrada. Camiños para a cohesión territorial, o turismo sostible e a posta en valor do patrimonio. Como eixe da abordaxe, a Universidade de Coimbra escolleu a Ruta N2, o percorrido da estrada nacional 2 que, pola zona interior, cruza Portugal de xeito vertical. Trátase dunha estrada de 739 quilómetros de lonxitude que parte do norte, de Chaves, case na fronteira con Galicia, e continúa ata Faro, no Algarve.

Da teoría á práctica

A programación desta actividade, comenta Elisa Alén, desenvolveuse en diferentes etapas. En primeiro lugar, celebrouse unha xornada on-line na que as persoas participantes puideron coñecer o proxecto e ter unha primeira toma de contacto. Posteriormente, do 17 ao 21 de xuño celebrouse a programación presencial, na cidade lusa de Coimbra, a onde acudiron as delegacións de cada país. Ao longo desa semana, o alumnado e profesorado asistiu a conferencias centradas na temática do programa e realizou dúas saídas para percorrer dous tramos da N2, de Coimbra a Abrantes e de Peso da Régua a Coimbra. Ao longo do percorrido, houbo paradas para conversar con axentes que apoian esta ruta, como os de dinamización local, os turísticos e emprededoras. Para completar a actividade, esta semana celebrouse tamén de xeito on-line a sesión de peche, na que as e os participantes analizaron a experiencia vivida e as aprendizaxes realizadas e valoraron a iniciativa.  

Moi satisfeitos cos resultados da experiencia, desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Elisa Alén destaca que un dos aspectos máis positivos dela é a oportunidade que ofreceu ao alumnado do centro de, durante unha semana, convivir con estudantado de dez nacionalidades diferentes, persoas con linguas, culturas, formacións e realidades moi diferentes. Igualmente, respecto á temática do programa, subliña entre os seus aspectos máis salientables o feito de que combinou a perspectiva académica, a través das conferencias, coa de campo, co percorrido de varios tramos da N2 e coas conversas con persoas que traballan directamente en sacar adiante esta ruta. “O alumnado tivo a oportunidade de vivir en primeira persoa un produto turístico vertebrador do territorio e facelo nun contexto de convivencia internacional e multicultural, e iso é moi enriquecedor”, comenta por último Elisa Alén.

Ler a noticia completa no DUVI