Tras celebrarse onte no campus de Vigo e Pontevedra, este xoves o campus de Ourense deu a benvida ao alumnado estranxeiro que este segundo cuadrimestre completará a súa formación nalgunha das súas facultades e escolas. Trátase de 26 estudantes, 24 dos cales se incorporan agora ás aulas e dous continúan do primeiro cuadrimestre, procedentes de once países.
O acto de benvida tivo lugar no edificio Xurídico-Empresarial a cargo de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Juan Manuel de los Ríos, secretario da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e María Pardal e Eva Abril, da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, encargadas estas últimas de trasladar ao alumnado a información necesaria sobre instalacións, oferta de actividades, cursos de idiomas, etc.. Ao alumnado presente, o vicerreitor agradeceulle ter elixido este campus para continuar os seus estudos e animounos a aproveitar os vindeiros meses en Ourense non só “para aprender e medrar academicamente” senón tamén para “explorar a nosa cultura, para crear conexións, amizades, que durarán toda a vida e para somerxerse na nosa vida cotiá”. O campus de Ourense, indicoulle, “estou seguro de que non vos defraudará”.
Neste segundo cuadrimestre a UVigo contará nas súas aulas con 241 estudantes estranxeiros de programas de mobilidade que, sumados aos 228 que realizaron a súa estadía no primeiro cuadrimestre, deixa unha cifra global de 480 alumnos internacionais neste curso 2023/2024, 49 deles en Ourense. Neste campus, son sete as escolas e facultades que reciben alumnado estranxeiro de intercambio, destacando as cifras da Facultade de Ciencias (8 persoas), da Escola Superior de Enxeñaría Informática (6) e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (5). Por nacionalidades sobresae a cifra procedente de países como Turquía (5 persoas) e Portugal (5), seguidos de Francia (4) e Italia e Estados Unidos (3 cada un).