Como sede de catro das cinco denominacións de orixe galegas de viños, a provincia de Ourense “conta hoxe en día cunha dilatada e consolidada actividade no campo da viticultura e a enoloxía”. Tendo en conta esta relevancia do sector, un equipo multidisciplinar de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense vén de desenvolver un proxecto de investigación de análise tanto da oferta como da reputación dixital do enoturismo ourensán. Nel identifican as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades do sector.
O proxecto abrangueu tres liñas de traballo: a diagnose do nivel de congruencia na oferta enoturística da provincia de Ourense (realizada por membros do Grupo de Investigación OC2 Marketing e Turismo, baixo a coordinación de Lorena Rodríguez); a extracción e pre-procesamento de opinións sobre o sector enoturístico nesta provincia (a cargo de membros do grupo Sistemas Informáticos de Nova Xeración, coa coordinación de María Reyes Pavón), e a análise e modelaxe de opinión sobre o sector enoturístico da provincia (na que participaron membros do grupo Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, con Manuel Alfredo Mosquera á cabeza). O estudo é un dos beneficiarios da convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.