O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollerá os días 19 e 26 de marzo a celebración das I Xornadas sobre termalismo: auga, saúde e coñecemento. Ao longo das dúas sesións, especialistas de diferentes áreas exporán as súas investigacións e traballos arredor do potencial das augas termais, abranguendo desde a súa consideración xurídica e potencial turístico ata as súas aplicacións en saúde, benestar e gastronomía.
A cita está organizada desde a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito á UVigo, co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia que ten o termalismo entre os seus eixes de traballo. Concretamente, o comité organizador das xornadas está formado polas profesoras da citada escola Mª Reyes Pérez, Mª Milagros Fernández e Natalia Olida Fariñas. A actividade está dirixida tanto a público especializado no eido do termalismo e a saúde como a público xeral.