Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

 25 de setembro de 2026

Aula 2.1 da FCETOU

 

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo participa este curso no programa «Voces de Cambio» da Universidade de Vigo, unha proposta que busca implicar o estudantado na construción de contornas universitarias baseadas no respecto, a igualdade e a prevención das violencias machistas.

A formación permitirá ás persoas participantes afondar no coñecemento das diferentes formas de violencia machista que poden producirse no ámbito universitario, prestando especial atención ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo, tanto nas relacións presenciais como nos espazos dixitais.

Mais «Voces de Cambio» pretende ir un paso máis alá da sensibilización. O obradoiro ofrecerá recursos e pautas para saber identificar posibles situacións de acoso, responder ante elas e acompañar as persoas afectadas, así como para coñecer os mecanismos e as canles de actuación que ofrece a Universidade de Vigo.

Deste xeito, o programa fomenta a participación do alumnado na prevención e detección temperá das violencias machistas, favorecendo que as persoas participantes poidan contribuír activamente a xerar unha cultura universitaria de tolerancia cero ante estas condutas.

Desde a FCETOU animamos ao estudantado a aproveitar esta oportunidade de formación e participación, porque a igualdade e a prevención das violencias machistas tamén se constrúen desde as relacións e os espazos cotiáns da comunidade universitaria.

A participación no programa é voluntaria.