Coa idea de formalizar a colaboración existente nos últimos anos e tamén de incentivala, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e María del Carmen Sampayo, presidenta do Colexio de Economistas de Ourense, asinaron este xoves un convenio marco de colaboración entre as dúas institucións. A iniciativa abrangue desde accións de formación complementaria ata o recoñecemento do esforzo do alumnado con diversos premios.
No acto, o reitor da Universidade de Vigo, acompañado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, quixo agradecer “ao colexio a súa boa disposición e o seu traballo de todos estes anos”. Coa sinatura deste convenio, apuntou, “formalizamos unha colaboración que xa se estaba a facer e que para nós é moi importante, porque nós, tanto no eido docente como no investigador, queremos estar mesturados coa sociedade”. Ante a nova etapa que se abre agora, Manuel Reigosa salientou que “podemos ir un paso máis aló e traballar máis tanto no eido docente como no investigador como no de transferencia”. Do mesmo xeito, Francisco Tugores, vicedecano de Ordenación Académica da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, recalcou como a sinatura deste documento “vai a permitir formalizar unha relación que xa mantemos desde hai moito tempo”, amosando o seu desexo de que “continúe esta boa relación histórica que temos” co órgano colexial.