Cada ano os campus da Universidade de Vigo acollen a celebración de diferentes charlas-coloquio organizadas polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Asociación de Ex-Parlamentarios/as que teñen por obxectivo “espallar os valores da democracia entre a xente moza” e dar a coñecer esta institución. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este martes a primeira destas charlas do curso académico 2023/2024. Nesta ocasión, a actividade, presentada por Francisco Javier Sánchez, vicedecano da facultade, contou coa participación de tres exparlamentarios, como son Roberto Castro (deputado do Partido Popular pola provincia de Ourense en cinco lexislaturas), Xosé Francisco Ferreiro (deputado do BNG pola provincia da Coruña en dúas lexislaturas) e Pablo Xabier López (deputado do PSdeG pola provincia de Ourense en tres lexislaturas). Eles explicaron ao alumnado asistente a organización do traballo no parlamento galego, facendo fincapé na súa propia experiencia nel.