Por segundo ano consecutivo, a Universidade de Vigo convoca, con financiamento da Deputación Provincial de Ourense, as bolsas para alumnado que estea matriculado o vindeiro curso académico 2023/2024 no Grao en Turismo ou no Programa Conxunto dos graos en Turismo e Xeografía e Historia que se imparten no campus de Ourense. En total ofértanse 45 bolsas.
O obxecto destas axudas é sufragar o custo dos estudos de Turismo no campus de Ourense, que se imparten na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, para contribuír “á promoción da formación de profesionais do sector turístico nesta provincia”. A provincia de Ourense, recóllese na convocatoria, “posúe unha riqueza natural, patrimonial e cultural incuestionables que contribúen, entre outros aspectos, a que a Ribeira Sacra aspire a ser declarada patrimonio da humanidade pola Unesco, de xeito que a presenza de bos profesionais do sector turístico poderán favorecer esta candidatura así como mellorar e ampliar a calidade da oferta turística provincial actual, baseada na gastronomía, enoturismo, riqueza termal e patrimonio románico, entre outros sectores”.
Prazo ata o 13 de outubro
O orzamento desta iniciativa, coordinada pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, ascende a 45.000 euros. A contía individual máxima de cada bolsa será de 900 euros. Ademais concederanse 450 euros adicionais a nove estudantes coa mellor nota de acceso no curso 2023/2024 no Grao en Turismo e ao estudante coa mellor nota de acceso no programa conxunto Turismo-Xeografía e Historia. O prazo de solicitude está aberto desde o pasado 8 de xullo e prolongarase ata o 13 de outubro de 2023 e as persoas interesadas poden xa realizar a súa solicitude a través da web da Universidade de Vigo.
A bolsa é compatible con calquera outra axuda, e, en concreto, coa bolsa de carácter xeral para o curso académico 2023/2024 do Ministerio de Educación e Formación Profesional. O importe das bolsas, indícase na convocatoria, en ningún caso poderá ser de tal contía que de xeito illado ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o coste da actividade subvencionada segundo establece o artigo 19.3 da Lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións. A selección das e dos beneficiarios será efectuada por unha comisión de selección ata o esgotamento do crédito orzamentario atendendo aos seguintes criterios: no caso de inicio de estudos a nota de acceso ao grao ou ao programa conxunto e no caso de continuación de estudos, a nota media do expediente académico. En todo caso terá preferencia o alumnado que inicia estudos do grao en primeiro lugar e do programa conxunto en segundo lugar, fronte ao estudantado de continuación de estudos.
Formación especializada
O obxectivo do Grao en Turismo é formar profesionais especializados na xestión empresarial e no aproveitamento turístico tanto de recursos naturais coma culturais, cun coñecemento global de todas as áreas relacionadas co turismo (marketing, xestión empresarial, planificación estratéxica, idiomas, xestión de aloxamentos e restauración, economía ambiental, comercio internacional, xeografía, socioloxía, etc) e con capacidade de liderar novos proxectos. No caso do programa conxunto, o alumnado simultanea este grao co Grao en Xeografía e Historia, que imparte a Facultade de Historia, recibindo “unha formación integral en relación ao coñecemento e competencias de patrimonio cultural, agrupando os coñecementos de Historia, Xeografía e Historia da Arte xunto coa xestión empresarial e co aproveitamento turístico”.