
Como acontece cada curso académico por estas datas, desde este luns e ata o venres a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebra unha nova edición do seu Joint Seminar coa universidade alemá Hochschule für Technik und Wirtschaft des Saarlandes (HTW Saar), de Saarbrücken. Este ano, participan na actividade unha decena de estudantes de Turismo Internacional alemáns e outra decena do Grao de Turismo que se imparte nesta facultade da Universidade de Vigo.
Tendo como lingua de comunicación o inglés, ao longo da semana as e os estudantes das dúas institucións abordarán diferentes aspectos relacionadas coa xestión cultural e o turismo, dedicando especial atención aos produtos rexionais neste eido, e traballarán en pequenos grupos mixtos diferentes propostas. Tampouco faltarán, tendo en conta a temática do seminario, as actividades turísticas para coñecer de primeira man enclaves destacados neste eido, como Santiago de Compostela e en Ourense as termas e Ribadavia. Por último, outro aspecto importante da programación será a convivencia, incidindo con diversidade de actividades no coñecemento das diferentes linguas, culturas e realidades académicas das e dos participantes.

Baixo o lema A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar, o campus de Ourense celebra estes días o seu V Congreso Internacional da Auga. A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia, e nela danse cita máis de 60 asistentes para afondar dun xeito multidisciplinar na xestión sostible dos recursos hídricos, nun marco xeral de aposta pola economía circular e dedicando especial atención ao ámbito do turismo termal.
Ao igual que en anteriores edicións, o principal obxectivo deste evento é ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cos recursos hídricos. A programación desenvólvese os días 26 e 27 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense pero previamente, este mércores pola tarde, as e os seus participantes incorporáronse á feira Termatalia coa celebración en Expourense dunha mesa redonda e simposio.

A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel destacan que un habitante do rural debe percorrer unha media de 15 km para acceder a un servizo público e que o 76,6% dos municipios galegos están clasificados como ZPP (zona de pouca poboación). A análise foi elaborada por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
Segundo recolle o documento, os municipios situados en contornas rurais adoitan presentar problemas e limitacións para poder garantir os servizos ás persoas residentes. “Aínda que isto non é patrimonio exclusivo de Galicia, esta situación vese acentuada polo forte proceso de envellecemento poboacional, baixa densidade demográfica, despoboamento continuado, reducida dotación e/ou carencia de infraestruturas e a incapacidade para conseguir un desenvolvemento local endóxeno dos municipios rurais”, sinálase no informe. En Galicia, comenta o autor do traballo, a distancia que debe percorrer un residente no medio rural é de case 15 quilómetros para recibir un servizo público, mentres que non chega a tres quilómetros se reside nunha contorna urbana. “Con todo, a media nacional sitúase en 22,6 quilómetros no medio rural e 2,1 no medio urbano”, apunta.

Ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados coa auga, dedicando especial atención á xestión empresarial e turística de recursos hídricos como os termais. Con este obxectivo a Universidade de Vigo celebrará do 25 ao 27 de setembro o V Congreso Internacional da Auga, que nesta ocasión leva por título A auga como recurso sostible: ciencia, empresa e benestar.
A iniciativa forma parte das accións do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Cada edición, a organización do congreso rota entre as diferentes facultades e escolas deste campus. Así, nesta ocasión está organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e conta coa colaboración de Expourense e o apoio da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. A programación desenvolverase os días 26 e 27 na citada facultade. Previamente, o día 25 pola tarde, as e os seus participantes incorporaranse á celebración da feira Termatalia en Expourense.