O pasado 22 de maio, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo celebrou con gran emoción o seu acto de Graduación 2026, no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do campus de Ourense. Máis de 120 estudantes puxeron fin a unha etapa inesquecible, acompañados por familiares, amizades, profesorado e autoridades académicas, nunha xornada chea de simbolismo e celebración.
Nesta ocasión, graduáronse as persoas pertencentes á décimo quinta promoción do Grao en Turismo, á quinta do PCEO Turismo–Xeografía e Historia, á décimo sexta promoción do Grao en ADE, á oitava do PCEO ADE–Dereito, á sétima do PCEO ADE–Informática, así como á terceira promoción do Programa Universitario para o Emprego e Vida Autónoma e ás décimo quintas promocións dos másteres universitarios en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e en Xestión Empresarial do Deporte.
Ao longo do acto vivíronse momentos de gran emoción, nos que non faltaron as palabras de recoñecemento ao esforzo, á constancia e ao crecemento persoal e académico do alumnado. A cerimonia converteuse tamén nun espazo para celebrar as novas oportunidades que comezan a partir de agora, marcadas pola ilusión e polos desafíos profesionais futuros.
Desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo queremos trasladar o noso agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este día tan especial (profesorado, persoal do centro, familias e amizades) e, moi especialmente, ao noso estudantado, verdadeiro protagonista desta celebración. Parabéns a todas e todos e moita sorte nesta nova etapa!
Desde este luns e ao longo de toda a semana o edificio Xurídico-Empresarial do campus de Ourense acolle a celebración da International Week 2026, organizada nesta ocasión polas facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e Relacións Internacionais. Baixo o lema Interdisciplinary bridges for a sustainable future (Pontes interdisciplinarias para un futuro sostible) profesorado de dez países e alumnado alemán e ourensán compartirán cinco intensos días de programación académica, investigadora e cultural.
A International Week é unha iniciativa cunha longa traxectoria de celebración na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo que este ano medrou abríndose tamén ao alumnado e profesorado da Facultade de Relacións Internacionais, centro co que comparten edificio e unha crecente colaboración en actividades de diverso tipo. A esta edición asisten 22 profesoras e profesores de diversas universidades de Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Polonia, Rusia, Italia, Brasil, Reino Unido e Eslovaquia, ademais de España, participando de xeito destacado profesorado da Universidade de Vigo. Polo que se refire ao alumnado, como en anteriores edicións da International Week participa unha decena de estudantes da Universidade de Bremerhaven (Alemaña), institución académica coa que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ten unha dilatada traxectoria de colaboración entre cuxos froitos está un dobre grao en Administración e Dirección de Empresas. Por parte da Universidade de Vigo está alumnado dos tres graos que se imparten nos centros implicados, os graos de Relacións Internacionais, Turismo e Administración e Dirección de Empresas. A cita conta co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia; do Consello Social da Universidade de Vigo, e do Inorde (Deputación de Ourense).
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrará os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia. A cita leva por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico e na súa organización participa tamén Ágora Termal, foro de debate e divulgación científica sobre o termalismo con sede no campus de Ourense.
O congreso inscríbese no marco de estudo e investigación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense financiado e acreditado pola Xunta de Galicia. O principal obxectivo da actividade é “ofrecer un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais”. Colaboran na iniciativa, ademais da Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
O campus de Ourense celebrou este mércores o Día da Árbore coa plantación dunha cerdeira Yoshino (Prunus x yedoensis) dedicada á científica e Premio Nobel da Paz Wangari Muta Maathai. A actividade estivo organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, coa colaboración do Centro de Posgrao e Formación Permanente, e nela participou alumnado do Curso de Formación Superior para o Emprego e a Vida Autónoma, da Delegación de Alumnado desta facultade e do Colexio Plurilingüe Cardenal Cisneros de Ourense, ademais de membros da comunidade universitaria. No acto tamén se realizou a lectura de poemas de Rosalía de Castro sobre a primavera. “Esta árbore que hoxe plantamos é símbolo de vida, pero tamén de compromiso, xustiza e igualdade. Seguimos o exemplo e camiño de Wangari, e facémolo inspiradas e inspirados pola nosa propia tradición e pola mirada sobre a natureza presente na obra de Rosalía de Castro”, indicou a profesora María Isabel Diéguez na apertura da homenaxe.
As facultades de Ciencias Empresariais e Turismo, Relacións Internacionais e Dereito do campus de Ourense sumáronse este luns á celebración do 8M, Día Internacional da Muller. Fixérono cun coloquio sobre liderado feminino e cun posto informativo cos que quixeron lembrar a importancia de continuar reivindicando a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
As facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais organizaron o coloquio Liderado con mirada de muller. Nel participaron María López, concelleira de Promoción Económica de Allariz; Marta Míguez, ex-atleta olímpica; e Noelia Rodríguez, presidenta de Xóvenes Empresarios de Ourense. A actividade, que contou co apoio da Unidade de Igualdade, estivo moderada por Isabel Diéguez, coordinadora do coloquio xunto á tamén profesora da UVigo María Lameiras, e foi presentada por Jesús Vázquez, decano de Ciencias Empresariais e Turismo, e Laura Movilla, vicedecana de Relacións Internacionais.
O proxecto europeo Activ-N arrancou este martes no campus de Ourense a súa actividade. Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento de 2,88 millóns de euros, nel 20 entidades públicas e privadas europeas traballarán para reforzar a resiliencia climática das comunidades vulnerables, como por exemplo persoas maiores, no Arco Atlántico.
Actions for Communities in Teleassistance and Integration of Vulnerable Populations Facing Natural Hazards (Accións para as Comunidades en Teleasistencia e Integración de Poboacións Vulnerables ante Riscos Naturais), é unha iniciativa de cooperación transnacional financiada polo programa Interreg Atlantic Area 2021-2027, cofinanciado con fondos Feder. Nel participa unha vintena de entidades, das que 12 (de España, Irlanda, Portugal e Francia) contan con financiamento directo. Neste consorcio tamén están de Galicia a Universidade de Santiago de Compostela e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta.
O campus de Ourense lidera a iniciativa a través dun equipo interdisciplinar da Facultade de Educación e Traballo Social, concretamente do grupo de investigación HC1, con Maribel Doval á cabeza, e da Facultade de Ciencias Empresariais e de Turismo, do grupo Gen, encabezado por Francisco Reyes. A xuntanza dos socios en Ourense prolongarase ata o día 5 e foi inaugurada por Francisco Reyes e Maribel Doval; Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, e Ana María Iglesias, vicedecana da Facultade de Educación e Traballo Social, asistindo tamén Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Eloína Núñez, subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Innovación Sociosanitaria. Nas súas intervencións destacaron a pertinencia de levar a cabo esta proposta desde Galicia tendo en conta aspectos como o envellecemento e a dispersión da súa poboación.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense organizou este luns un Obradoiros de saídas profesionais, co obxectivo de achegar ao seu alumnado de últimos cursos diferentes opcións que teñen para o seu desenvolvemento laboral futuro. Para acadalo, contaron coa participación de profesionais do ámbito público e privado, que explicaron ao estudantado presente as características do traballo que realizan e o camiño seguido ata chegar a el. A iniciativa tivo a colaboración do Colexio de Economistas de Ourense e foi presentada por Jesús Vázquez, decano do centro organizador.
A programación relacionada co 11F no campus de Ourense completouse este venres coa celebración da xornada Mulleres que transforman a ciencia, a industria e a empresa, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. A actividade quixo ser “un espazo de inspiración, aprendizaxe e diálogo coas profesionais invitadas, referentes nos seus ámbitos e exemplos de compromiso, innovación e liderado”, tal e como sinalaron desde o centro. Moderada pola profesora Isabel Diéguez, a cita contou coa participación de Dora Casal (xerente de Roberto Verino); Alicia María Gómez (xerente de Inplasor Galicia) e de Lucía Novel (directora de Ingeo Enxeñería Xeotérmica). Con esta actividade a facultade quixo “contribuír a recoñecer, visibilizar e apoiar o papel das mulleres na construción dun futuro máis xusto, creativo e sostible”.
A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo organiza este mes de febreiro varias conferencias que teñen como obxectivo achegar de primeira man a experiencia internacional de empresas ourensás ao alumnado do campus. A primeira tivo lugar este xoves pola tarde na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e centrouse no caso de UNVI e a segunda será o día 19 e estará dedicada a MRF.
O título da conferencia celebrada onte foi A experiencia dunha empresa internacional: o caso UNVI. Foi ofrecida por Carlos Rivo, director xeral de UNVI, e presentada por Elena Rivo, directora da Cátedra Empresa Familiar que organiza o evento. Nela, o convidado expuxo a evolución e a aposta internacional desta empresa ourensá no eido dos autobuses eléctricos e de combustión, que actualmente ten presenza en máis de medio centenar de países de cinco continentes.