Este martes presentouse en Madrid o libro Centenario del Turismo Español, unha publicación que reúne 55 especialistas de 25 universidades españolas e das diferentes comunidades autónomas para ofrecer un exhaustivo repaso pola historia deste sector. Entre elas e eles, está un equipo da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense formado por cinco profesoras e profesores, como son Montserrat Cruz, Francisco Javier Sánchez, Antonio Fraiz, Noelia Araújo e Diego Rodríguez.
A publicación, un proxecto desenvolvido pola plataforma Nexotur, “quere recoller os aspectos máis importantes do turismo en España, en todas e cada unha das súas vertentes, co fin de conmemorar o centenario do turismo en España”, explica Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus. Trátase, indica o equipo da UVigo, dun traballo que se realizou durante algo máis dun ano e no que investigadoras e investigadores de todas as áreas turísticas realizaron as súas achegas científico-técnicas. Entre elas destacan capítulos sobre hostalaría e aloxamento, distribución de viaxes, modos de transporte, destinos e administracións, infraestruturas turísticas, grupos e asociacións e outros segmentos turísticos.