Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Entre as entidades coas que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense conta cunha dilatada traxectoria de colaboración desde hai máis dunha década está Riu Hotels&Resorts. Cada curso académico, catro ou cinco dos seus estudantes de grao son seleccionados para participar no plan de carreira que ten a cadea hoteleira para captar e formar aos seus cargos de dirección. Así, na actualidade arredor dunha trintena dos seus directivos e directivas no Caribe foron formados na facultade ourensá. Nas vindeiras semanas e ao abeiro deste programa, catro estudantes de Administración e Dirección de Empresas deste centro incorporaranse en prácticas a hoteis de Xamaica e México. 

O plan de carreira desta cadea, que conta con arredor dun centenar de hoteis nunha vintena de países, comeza coa realización por parte do estudantado de seis meses de prácticas remuneradas e continúa, pasando sucesivos filtros, coa súa contratación como subdirector ou subdirectora júnior. Comeza así unha traxectoria profesional que pode continuar logo cunha subdirección sénior e finalmente coa dirección hoteleira. Tralo proceso de formación en prácticas, indican desde a facultade, en arredor do 85% dos casos Riu proponlle ás e aos estudantes un contrato laboral como subdirectores júnior en Centroamérica. 

Ler a nova completa no DUVI