Un equipo multidisciplinar da UVigo participa nun proxecto sobre tecnoloxías facilitadoras para pemes

Consideradas o futuro da industria e caracterizadas por un uso intensivo de coñecemento, as tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) abranguen desde a micro e a nanoelectrónica, a nanotecnoloxía e a biotecnoloxía industrial ata materiais avanzados, fotónica e procesos de fabricación avanzados. Neste eido, un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial participa no proxecto NOVA TFE. Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras.

Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), o Concello e a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). O seu orzamento total alcanza os 811.200 euros, contando con 762.874,50 euros de financiamento Feder, dos fondos europeos de desenvolvemento rexional. Segundo explican os seus promotores, NOVA TFE é un proxecto de cooperación transfronteiriza Interreg Poctep que ten como finalidade “apostar por novos modelos de negocio arredor destas tecnoloxías, especialmente as vinculadas á fabricación avanzada (fabricación aditiva e fábrica 4.0) e TICs (fábrica 4.0, Internet das cousas e SmartCity)”.

Ler a nova completa no DUVI