Cátedra Empresa Familiar

Empresa: Instituto Empresa Familiar/Asociación Galega de Empresa Familiar/Abanca/Inditex
Ano de constitución: 2005
Director da cátedra: Santiago Lago Peñas
Servizo de xestión: Servizo de Investigación da UVigo/Fuvi/outros

A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, nace no ano 2005 entrando a formar parte da rede de cátedras do Instituto da Empresa Familiar. En 2019 a Cátedra renova o convenio coa Universidade de Vigo, a Asociación Galega da Empresa Familiar, e o Grupo Inditex. Este convenio recoñece o especial significado e relevancia estratéxica das empresas familiares, desde múltiples perspectivas, para a economía e a sociedade galega.

Os obxectivos da Cátedra resúmense na difusión, docencia e investigación da singularidade e retos das EMPRESAS FAMILIARES. Xustifican e motivan este obxectivo, a relevancia económica das empresas familiares, alicerce fundamental da economía, a súa vinculación e compromiso coa súa contorna xeográfica e social, así como as súas características peculiares, que en múltiples ocasións complican os procesos de sucesión e a súa continuidade. Ademais, a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo colabora activamente nas actividades e reunións da Asociación Galega de Empresa Familiar, asesorando e elaborando informes nas cuestións que aquela considera relevantes.

Visita a web da cátedra

 

Cátedra STL

Empresa: Sociedade Textil Lonia, S.A.
Ano de constitución: 2015
Director da cátedra: Reitor ou reitora, ou persoa en quen delegue
Servizo de xestión: Vicerreitoría do Campus de Ourense

As actividades a desenvolver centraranse nas seguintes liñas de actuación:

  • A creación dun Programa de captación de talento, cuxa finalidade sexa a incorporación de estudantado da Universidade de Vigo cun bo expediente académico, con capacidade de innovación e que acredite un bo nivel de idioma inglés, a STL para realizar prácticas externas curriculares ou extracurriculares
  • Promoverase a posta en marcha de actividades formativas que teñan por obxecto a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria e de profesionais
  • Impulsarase un sistema de bolsas en prácticas por períodos máximos de 6 meses para o estudantado ou recén titulados da Universidade de Vigo, previa selección a través dun proceso regrado
  • Organizaranse congresos, xornadas, conferencias, seminarios ou foros, nos ámbitos de estudos propios da cátedra
  • Promoverase a publicación de estudos ou traballos científicos ou de divulgación, referidos aos ámbitos de estudos propios da cátedra