Un curso de economía social no rural reactiva a programación de extensión universitaria

Comeza o curso académico 2021/22 e entre a oferta complementaria que xa teñen á súa disposición no campus de Ourense os membros da comunidade universitaria e a cidadanía en xeral están os cursos de extensión universitaria que arrancaron o pasado mes de xullo, os coñecidos como cursos de verán. Baixo o título Estratexias para o desenvolvemento do medio rural: unha visión dende a economía social, xa está a celebrarse o primeiro deles.

O curso, que celebra do 1 ao 9 de setembro a súa primeira edición, está dirixido polos profesores Alberto Vaquero e María Montserrat Cruz, da Facultade e Ciencias Empresariais e Turismo onde ten lugar a actividade. A ela asisten unha vintena de persoas, na maior parte alumnado da UVigo tanto de grao, como de posgrao como do Programa Universitario de Maiores. A idea de pór en marcha esta iniciativa, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Colexio de Economistas de Ourense, explica Alberto Vaquero, xurdiu no marco da liña de traballo do Grupo de Investigación Gen, do que forman parte os responsables do curso, en temas relacionados coa economía social e que se ten materializado en diferentes accións, como publicacións. Os obxectivos da actividade, tal e como indican os seus promotores, son dar a coñecer a importancia da economía social como motor de desenvolvemento no rural e ofrecer ás e aos asistentes coñecementos teórico-prácticos, de tipo estratéxico, económico, financeiro e organizacional, para entender o seu funcionamento e para o desenvolvemento dun proxecto neste eido. Para acadar estes retos, no programa da formación mestúranse conferencias presenciais con visitas a proxectos empresariais da contorna (como Viña Costeira, Coren, Posada Marrón Glacé e Aboamigalla), achegándose a aspectos como o cooperativismo e o márketing.

Sobre a importancia dos contidos abordados na formación, Alberto Vaquero recalca que “a economía social configúrase como un actor moi importante da cooperación ao desenvolvemento, especialmente en todo o que supón potenciar as zonas rurais e economicamente deprimidas, ao permitir iniciativas empresariais economicamente viables e, ao mesmo tempo, sostibles a medio e longo prazo”. Esta economía, engade o profesor da UVigo, é un dos principais motores de desenvolvemento, posto que facilita a redución de desigualdades en ámbitos diferenciados como poden ser o económico-poboacional, cultural ou laboral, contribuíndo de maneira positiva a que as desigualdades nestes terreos se reduzan significativamente. Ademais, engade, “ten un importante papel a nivel local e rexional, o que permite unha mellora económica a nivel nacional, posibilitando un emprego de maior calidade e un crecemento económico inclusivo”.

Ler a nova completa no DUVI