Unha nova xeira de exames está a piques de comezar e co obxectivo de axudar ao seu alumnado a afrontalos do mellor xeito posible, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebrou este mércores un obradoiro de xestión do estrés impartido polo Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense. Nel, as e os estudantes puideron achegarse a algunhas das técnicas que lles poden permitir alixeirar a súa carga de tensión, desde técnicas de relaxación ata controlar o uso de pantallas móbiles.
A actividade xurdiu por iniciativa da facultade ourensá, interesada en contribuír, tendo en conta que época de exames que se achega e dada a situación excepcional provocada pola pandemia, a minguar os niveis de estrés que puidese ter o seu alumnado. Segundo explica o equipo decanal do centro, neste contexto “pareceunos unha boa idea probar cunha sesión de xestión do estrés”. O obradoiro foi impartido por Verónica Mariño, psicóloga educativa e técnica do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense.