Inicio > Benvida ao alumnado internacional

Benvida ao alumnado internacional

Carta de benvida da Decana

Como decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, gostaría de darche a benvida en nome de toda a comunidade universitaria. Estamos seguros de que a túa estancia na nosa Facultade e na cidade de Ourense será un período para lembrar na túa vida, cheo de boas experiencias tanto a nivel académico como persoal. Desde aquí desexámosche que se cumpran ao máximo todas as túas expectativas. Así mesmo, agradecémosche que confiaras en nós para estudar e pór ao día os teus coñecementos. Para facilitarche a adaptación entregámosche este Manual de benvida onde atoparás información que che axudará a coñecer mellor a nosa Facultade e fará que te desenvolvas e estudes comodamente na nosa cidade. Queremos transmitirche os nosos mellores desexos para que empeces dunha forma máis doada a túa vida na Universidade de Vigo e na cidade de Ourense.

Elena Rivo López

 

Carta de benvida da Delegación de Alumn@s

Prácenos darche a benvida á nosa Facultade neste momento tan especial para ti. Quizais esta sexa a primeira visita que nos fas, polo que serán milleiros as preguntas que pasarán pola túa cabeza. Tranquil@, todas teñen solución! Temos redactado esta guía esperando que aches aquí moitas desas respostas. Para iso incluímos unha descrición da nosa Facultade, consellos prácticos a ter en conta antes e despois da túa chegada, información sobre como chegar, onde durmir, a quen e onde dirixirte, etc. Mais non nos conformamos con “evitarche problemas”, senón que queremos ir máis alá: gustaríanos que a túa estancia en Ourense sexa o máis agradable posible, tanto desde o punto de vista académico como persoal. Engadimos moitas outras informacións para que aproveites ao máximo os meses que pasarás con nós: explicámosche cales son os servizos que ofrece a Universidade (para que podas usalos); indicámosche webs onde podes procurar información interesante (actividades culturais, lugares a visitar, etc.); dámosche consellos para que podas integrarte máis doadamente con outros alumnos e alumnas; dicímosche cales son as mellores formas para moverse pola cidade; etc. Sabemos que a túa estancia na Universidade de Vigo, na nosa Facultade e en Ourense será inesquecible e queremos axudarte a que vivas as mellores experiencias posibles. Conta con nós para o que necesites. BENVID@!

 

Inicio > Benvida ao alumnado internacional

Este sitio web utiliza cookies, propias e de terceiros para ofrecerlle unha mellor experiencia e servizo

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso.

Acepto