Inicio > Administración e Dirección de Empresas (ADE)

Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE)

O Grao en Administración e Dirección de Empresas permite que os novos graduados se inicien con éxito no apaixonante mundo das empresas, xa sexa como profesional responsable dalgunha das áreas funcionais da empresa, ou como xestor dun proxecto empresarial propio.

 

INTERESE FORMATIVO

Esta titulación forma especialistas universitarios tanto na organización da empresa coma no mundo en que se moven as empresas. Tradicionalmente, a administración de empresas xurdía da intuición persoal e da experiencia familiar transmitida de xeración en xeración, pero co mundo globalizado e cambiante en que vivimos faise necesario que os futuros profesionais se especialicen nos científicos, profesionalizando así as actuacións no ámbito da empresa e levar a cabo unha investigación aplicada.

Os catro anos de duración do grao en Administración e Dirección de Empresas, proporcionarán, por unha parte amplos coñecementos sobre as distintas áreas funcionais das empresas, afondando así na súa xestión, nas súas interrelacións, na súa importancia e nas súas funcións. Ademais, os estudantes serán capaces de facerse unha visión xeral da empresa, así coma da xestión dos recursos, dos procesos e dos resultados coa finalidade de xerar riqueza e valor engadido, grazas á aprendizaxe tutorizada, ao traballo en equipo e o estudo autónomo. Así mesmo, serán capaces de desenvolver a súa capacidade para aplicar e expresar o seu propio punto de vista ao analizar o contexto económico e o comportamento empresarial. E por último, aprenderán a xestionar a incerteza e a complexidade, a explorar solucións alternativas, a ser críticos e a integrar tanto a teoría como a práctica nun amplo rango de situacións.

OBXECTIVO

O principal obxectivo deste grao é o de formar profesionais coñecedores da empresa como realidade social e económica, capaces de desempeñar labores de xestión, de asesoramento e de avaliación nas organizacións produtivas e de servizos. Así mesmo, deben contar coas habilidades necesarias para desenvolver as labores de xestión, asesoramento e avaliación no ámbito global da organización ou en calquera das súas áreas funcionais como son: ser capaces de identificar e de anticipar oportunidades; de asignar recursos; de organizar a información; de seleccionar e motivar ás persoas; de tomar decisións; de alcanzar obxectivos; de avaliar resultados; de coñecer a natureza da empresa a súa relación co entorno económico inmediato e mediato, nacional e internacional; coñecer os métodos e técnicas de dirección de organización de empresas e adquirir coñecementos instrumentais en matemáticas e estatística.

A QUEN SE DIRIXE

Este grao oriéntase a persoas abertas, capaces de cuestionarse cómo mellorar o mundo e de asumir retos, con facilidade de expresión, de comprensión e de abstracción; con visión internacional e global do mundo moderno, emprendedoras, expresivas, innovadoras, motivadas, responsables, e sociables, que sintan interese por coñecer máis a fondo a economía e a empresa; que sexan persoas con iniciativa e con espírito de liderado para crear e xestionar negocios capaces de xerar emprego; que posúan a capacidade necesaria para integrar e dirixir equipos humanos e para a toma de decisións; e co dinamismo necesario para enfrontarse aos problemas da sociedade actual e para propor solucións.

 

SAÍDAS LABORAIS

O grao en Administración e Dirección de Empresas, e un dos que máis saídas laborais ofrece. Así, os graduados en ADE estarán preparados para traballar en calquera sector, xa que os coñecementos recibidos son aplicables e necesarios para traballar nas diferentes áreas funcionais (dirección, administración, distribución, fiscalidade, contabilidade, finanzas...) de calquera organismo ou empresa que teña interacción cos mercados. Ademais, existen certos sectores e saídas profesionais que son específicos da titulación e que manteñen abertos continuos procesos de selección, e que polo tanto veñen a constituí-la principal fonte de traballo para os graduados en Administración e Dirección de Empresas. Entre estes sectores cabe destacar: a banca (xestión financeira, comercio internacional, análise de riscos, contabilidade, rede comercial...); asesoría e consultoría (consultoría estratéxica, consultaría de negocio; asesoría fiscal e tributaria, auditoría...); e a ensinanza e investigación (secundaria/bacharelato, formación profesional, centros de formación, universidade...).

Por outra banda, os graduados en ADE tamén se atoparán preparados para emprender un negocio e crear a súa propia empresa. 

 

Inicio > Administración e Dirección de Empresas (ADE)

Este sitio web utiliza cookies, propias e de terceiros para ofrecerlle unha mellor experiencia e servizo

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso.

Acepto