Home > Joint programme “Business Administration - Law” (It is not offered in the academic year 2015-2016)

Programa Conxunto Administración e Dirección de Empresas + Dereito

A configuración dos novos Graos universitarios que contan cunha menor duración e cunha estrutura académica máis flexible que as vellas Licenciaturas, facilitan o que ata non fai moito tempo era practicamente impensable. Que un estudante poida simultanear estudos de dúas carreiras e conseguir ambos títulos en apenas cinco ou seis anos, contando cun profundo coñecemento tanto de ADE coma de Dereito.

Un dos sectores académicos e profesionais onde máis conexións existen e onde máis frutífera pode ser esta simultaneidade de estudos é o triángulo delimitado polos ámbitos xurídico, empresarial e económico. De feito, en España, a simultaneidade de estudos ADE – Dereito e un dos programas máis demandados por parte dos estudantes universitarios.

Así, á vista da gran demanda existente, e tratando de aproveitar e de aprender da experiencia doutras universidades, e tendo como obxectivo principal o de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible, desde o curso 2014-2015 un/unha estudante pode cursar de forma simultánea os estudos de Grado en Administración e Dirección de Empresas (ADE) e Grado en Dereito no Campus de Ourense e conseguir ambos títulos en cinco anos.

 

INTERESE FORMATIVO

O  dobre grao en Administración e Dirección de Empresas e Dereito permite  que o alumando obteña un perfil profesional de gran proxección no mercado laboral ao capacitalo en dúas disciplinas complementarias e que ao mesmo tempo son cada vez máis demandadas nesta sociedade tanto no sector público coma privado. Co dobre grao ADE – Dereito, os titulados poderán beneficiarse das vantaxes das dúas carreiras, contando cun perfil profesional máis versátil, que lles permitirá multiplicar as saídas laborais relacionadas coa xestión empresarial ou co desempeño do dereito, e a converterse en profesionais preparados e polivalentes aos ollos de empresas e institucións.

Os coñecementos adquiridos nas materias relacionadas co dereito, permitirán que os alumnos podan chegar a ser avogados, xuíces, ou fiscais polo que ó rematar os seus estudos estarán capacitados para aplicar e interpretar a lexislación vixente, así como para representar e defender ós cidadáns ante os conflitos que se lles formulen. Pola súa banda, as materias relacionadas con ADE, permitirán que o alumnado adquira os coñecementos relacionados coa área económica e empresarial, sendo capaces de dirixir, organizar e xestionar, así coma de crear empresas e asesorar ós emprendedores na posta en marcha das súas empresas.

 

POR QUE REALIZAR UN DOBRE GRAO?

A realización dun dobre grao permiteque en tan só cinco anos un estudante poida obter dous títulos oficiais: un de Graduado en Administración e Dirección de Empresas e outro de Graduado en Dereito. Con esta dobre titulación, os estudantes contarán cunha formación versátil que favorece a súa inserción laboral nunha amplía diversidade de contextos, grazas a adquisición de coñecementos  que lles permitirán desempeñar labores de xestión, asesoramento ou avaliación de empresas. Por outra banda, o dobre Grao ADE – Dereito permite que os graduados sexan capaces de asumir responsabilidades de alto valor engadido en empresas, entidades financeiras e nas administracións públicas, grazas a súa formación transversal, o que lles permitirá acceder cunha maior facilidade a postos directivos dentro das empresas.

 

OBXECTIVO

O obxectivo deste grao é o de formar persoas coñecedoras da empresa como realidade social e económica, que sexan capaces de desempeñar labores de xestión, asesoramento e avaliación nas organizacións e que conten coas habilidades necesarias para desenvolver eses labores no ámbito global da organización ou en calquera das súas áreas funcionais.Ademais, dado que o sector empresarial e o mundo xurídico son inseparables a simultaneidade ADE – Dereito pretende abrir ao alumnado un amplo rango de posibilidades de inserción laboral.

 

A QUEN SE DIRIXE

Este dobre grao ADE - Dereito está orientado a todas aquelas persoas interesadas pola economía e a empresa, que teñan iniciativa e espírito de liderado para crear e xestionar negocios xeradores de emprego, con capacidade para integrar e dirixir equipos e para a toma de decisións, e co dinamismo necesario para enfrontarse aos problemas da sociedade actual e para propor solucións. Ademais, este grao está pensado para todas aquelas persoas que teñan unha clara vocación empresarial, onde unha única titulación non é suficiente senón que é de vital importancia demostrar competencias.

Os estudantes recibirán a formación, os coñecementos e as metodoloxías necesarias en ambos campos. Así, formaranse profesionais capaces de realizar labores de xestión, asesoramento e avaliación nas organizacións produtivas que poderán ser desenvolvidas no ámbito global da organización ou en calquera das áreas funcionais: produción, recursos humanos, finanzas, comercialización, inversión, administración ou contabilidade. E por outro lado proporciona unha formación xurídica básica que engloba tanto os coñecementos teóricos sobre a lexislación como as ferramentas metodolóxicas necesarias para poder interpretala e aplicala.

 

SAÍDAS LABORAIS

O triángulo delimitado polos ámbitos xurídico, empresarial e económico é un dos sectores académicos e profesionais onde máis conexións existen e onde máis frutífera é a simultaneidade de estudos. Os novos estudantes que desexen optar polo programa conxunto ADE-Dereito poderán entrar no mercado laboral ou profesional coa clara vantaxe competitiva que supón contar con ambos títulos. Así, este dobre grao permitirá sumar as saídas profesionaisdos graduados en dereito coas dos graduados en ADE o que lles aportará un valor engadido, xa que lles permitirá acceder tanto a alta dirección empresarial coma aos grandes despachos profesionais e aos corpos superiores da administración pública.

 

ONDE SE ESTUDA

O Programa Conxunto de Estudos de Grao en Administración e Dirección de Empresas e Grao en Dereiro estúdase no Edificio Xurídico-Empresarial do Campus Universitario de Ourense.

 

Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Campus Universitario Sur

32004 - Ourense

Universidade de Vigo (Galicia - Spain)

Tfno.: +34 988 36 87 00

E-mail: This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.

Páxina web: http://www.fcetou.uvigo.es

 

Facultade de Dereito

Universidade de Vigo - Campus de Ourense

As Lagoas s/n

32004 - Ourense

Spain

Tfno.: +34 988 368 700 / +34 988 368 900

Fax: + 34 988 368923

E-mail:  This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.

Páxina web: http://dereito.uvigo.es/

 

Home > Joint programme “Business Administration - Law” (It is not offered in the academic year 2015-2016)

NOTE! This site uses cookies and similar technologies.This website uses cookies, and third-party to provide a better experience and service.

If you not change browser settings, you agree to it.

I understand