Somos un centro novo e dinámico pertencente á Universidade de Vigo situado no campus de Ourense. Un campus urbano na cidade de Ourense

A nosa misión é desenvolver o coñecemento e educar persoas creativas. Queremos promover a alta calidade, o rigor e a investigación aplicada, educar individuos innovadores e darlles os instrumentos e perspectivas útiles para o avance social e económico das organizacións en que participen. Ambicionamos contribuír ao desenvolvemento do territorio no que nos inserimos e formar a profesionais para o mundo.

A Universidade de Vigo, no seu obxectivo de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible, posibilita que o estudantado poida cursar de forma simultánea os estudos de Grao en Xeografía e Historia e Grao en Turismo no campus de Ourense, mediante a proposta dun programa conxunto elaborado polas facultades de Historia e de Ciencias Empresariais e Turismo sobre os plans de estudos oficiais.

A simultaneidade (programa conxunto) do Grao en Turismo e do Grao en Xeografía e Historia regularase, como todos os plans conxuntos da Universidade de Vigo pola Normativa de Programa Conxunto de Estudos Oficiais de Grao na Universidade de Vigo (aprobada no Consello de Goberno de 23 de xuño de 2015 e modificada no Consello de Goberno de 12 de febreiro de 2016).

 

Estes son os principais fitos da historia da nosa facultade:


Curso 1986/1987
Comeza a funcionar a Escola de Estudos Empresariais, impartíndose a Diplomatura de Ciencias Empresariais no Edificio do Antigo Hospital do Campus Universitario de Ourense.

Curso 2000/2001
Tras a concesión do segundo ciclo da Licenciatura en Administración e Dirección de Empresas, créase a Facultade de Ciencias Empresariais, emprazándose no Edificio Xurídico-Empresarial situado na parte nova do campus universitario.

Curso 2003/2004
Comeza a impartirse a Diplomatura de Turismo e cámbiase o nome do centro a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Curso 2007/2008
Comeza na facultade o proceso de implantación de novas titulacións de grao, posgrao e doutoramento xa integradas no Espazo Europeo de Educación Superior. Ponse en marcha o Máster Interuniversitario en Dirección e Planificación de Turismo, que dous anos máis tarde se integra no Programa de Doutoramento en Dirección e Planificación do Turismo.

Curso 2008/2009
Comeza a impartirse o Máster Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa.

Curso 2009/2010
Implántanse os graos en Administración e Dirección de Empresas e en Turismo.

Curso 2011/2012
Comeza a impartirse o Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, e o Máster en Dirección e Planificación do Turismo pasa a ser Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde.

Curso 2013/2014
Implántase o Programa Conxunto de Estudos de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñaría Informática (ADE-EI).

Curso 2014/2015
Implántase o Programa Conxunto de Estudos de Administración e Dirección de Empresas e Dereito (ADE-DER). Implántase a docencia en inglés en ADE.

Curso 2015/2016
Asínase o acordo institucional coa Hochschule Bremerhaven (Alemaña) segundo o cal o estudantado de ADE da facultade poderá obter o Dobre Grao Internacional en ADE (España) & Bachelor of Arts in Business Administration (Alemaña).

Curso 2016/2017
Comeza a impartirse a docencia en inglés no Grao en Turismo.

Curso 2017/2018
Implántase o Programa Conxunto Turismo – Xeografía e Historia.

Curso 2018/2019
Graduación das primeiras promocións dos Programas Conxuntos ADE-Informática e ADE-Dereito.