A Rede Localis destaca que os concellos galegos “aínda teñen marxe para elevar o uso da súa capacidade fiscal”

A recadación media en Galicia por habitante foi en 2020 de 319 euros en impostos directos.

O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a rede xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo destaca que os concellos galegos “aínda teñen marxe para elevar o uso da súa capacidade fiscal”.

Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o documento, que corresponde á nota número 17 do observatorio, céntrase nesta ocasión no estudo do uso da capacidade fiscal propia dos concellos galegos. Está coordinado por Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, ademais de membro do grupo Gen. Na súa análise, os expertos da entidade indican que “a facenda local en Galicia ten capacidade para elevar o uso da súa autonomía tributaria”. Entre os datos recollidos no documento, salientan que a recadación media en Galicia por habitante foi en 2020 de 319 euros en impostos directos e 19 en indirectos e a nivel estatal foi de 456 e 37 euros respectivamente.

Ler a nova completa no DUVI